martes, 20 de junio de 2017

Un interesante informe sobre ocupación laboral do Observatorio Económico Ourensán

Da actualidade de hoxe saliento a presentación hoxe  do informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a Deputación de Ourense, referido nesta ocasión á ocupación laboral, con datos que identifican a existencia de 13 sectores con forte peso da provincia sobre o emprego total de Galicia.

Un acto protagonizado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o profesor da Universidade de Vigo Andrés Mazaira.

Manuel Baltar destacou na análise económica que sete sectores sosteñen máis da metade (53,2 %) do mercado de traballo ourensán: comercio, Administración Pública, ensino, sector primario sanitario, construción e hostalería, subliñando que a provincia de Ourense concentra o 55 % dos traballadores ocupados en Galicia nas industrias extractivas.

A contribución de Ourense en trece sectores ou subsectores sobre o conxunto do sistema produtivo galego, desde a variable do emprego, e as positivas taxas de recuperación laboral que están a vivir a maioría dos sectores tradicionais que definen a especialización da economía ourensá, constitúen as principais conclusións da nova análise infográfica realizada polo Observatorio Económico Ourensán.

As industrias extractivas, e en particular a extracción da lousa e as actividades empresariais de apoio a este sector, son as responsables do indicador laboral máis favorable da provincia. Consiste en estar a impulsar máis da metade do emprego galego -en concreto o 54,7 %- nun dos grupos máis potentes da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE-2009), naquel que comparten a extracción de antracita, hulla e lignito; o cru de petróleo e gas natural; os minerais metálicos; o resto das industrias extractivas; e as actividades auxiliares das industrias extractivas.

Esa contribución próxima ao 55 % fronte ao total de Galicia equivale a multiplicar por nove o peso relativo que ten a provincia de Ourense en variables como a da xeración de Valor Engadido Bruto das empresas (6,1 %) ou a dos ingresos de explotación empresariais (6,9 %). Ademais, multiplica por cinco o peso relativo que lle corresponde a Ourense no total de traballadores ocupados (a provincia sostén o 10,37 % das ocupacións totais de Galicia) e mesmo na poboación (o 11,5 % da poboación de Galicia reside en Ourense).

O dato illado do sector da lousa -sen o petróleo, o gas natural, os carbóns fósiles, os minerais metálicos e o resto das industrias extractivas- fai posible que unha sola comarca, Valdeorras, sobrepase o 90 % en peso relativo do emprego sobre as cifras absolutas de Galicia. Esa preponderancia sitúase moi en liña coa achega que realiza a lousa valdeorresa en Valor Engadido Bruto sobre o total sectorial de Galicia, e que está na contorna do 92 %.

Segundo o Observatorio Económico Ourensán, noutras doce ramas de actividade o protagonismo ourensán tamén excede os valores medios de contribución ao emprego galego. Na venda e reparación de vehículos e no grupo laboral da Administración Pública, a Defensa e a Seguridade Social, mesmo sobrepasa o 15 %, con 16.400 postos de traballo en total. A continuación, destacan os pesos relativos que acada Ourense nas actividades xurídicas e de contabilidade (14,5 % do total galego) e nos servizos sociais (13,9 %).

No seguinte chanzo aparecen as actividades dos fogares con empregadores de persoal doméstico, co 12,9 % sobre a cifra global de Galicia; o fornecemento de enerxía eléctrica, gas e auga, co 12,8 %; e a agricultura, gandería, caza e silvicultura, co 12,2 %.

Noutros catro grupos de actividade a achega ourensá permanece estabilizada por encima do 11 %. Este nivel de contribución provincial dase no resto do sector servizos (11,6 %), no ensino (11,5 %), no comercio polo miúdo (11,3 %) e nos traballos sanitarios (11,2 %). O último posto entre as trece ramas económicas que superan o peso relativo medio na cifra de ocupados é para os servizos a edificios e as actividades de xardinería, co 10,6 % do total do emprego galego.

No lado dos déficits, o Observatorio alerta sobre a baixa ponderación nun sector estratéxico, o da industria da alimentación e as bebidas, no que Ourense só xera o 6,4 % da ocupación galega. Tamén existe febleza na automoción (7,5 %) e nas actividades profesionais, científicas e técnicas (7,7 %), así como no comercio maiorista (6,1 %). Pola súa banda, a industria téxtil está 2,5 puntos porcentuais por debaixo do volume medio de ocupados que achega a provincia sobre o total de Galicia. A pesares das magnitudes de facturación e emprego dos grupos de moda con sede central en Ourense, o sector limita a súa contribución ao 8,03 % dos ocupados de Galicia no sector, polo que cae ao grupo das oito actividades con menor proporción ourensá de traballadores ocupados.

As profesións máis demandadas

A nova infografía do Observatorio Económico reflicte que as ramas de actividade que creceron máis en ocupación no último ano -entre o primeiro trimestre de 2016 e o mesmo período de 2017- foron, en proporción, os traballos ligados ao sector inmobiliario, ás ramas administrativas e aos servizos auxiliares, cun auxe do 128,6 %; a venda e reparación de vehículos, cun crecemento do 117,6 %; e as actividades financeiras e dos seguros, que medraron un 112,5 %. Tamén estivo a piques de duplicar a cifra de ocupados nun só ano o grupo das industrias extractivas (incremento do 94,4 %).

Por debaixo destas profesións, tamén lideran e creación de emprego na provincia o sector primario, que contabiliza un 23,6 % de ocupados máis que hai un ano; o comercio minorista (21,8 %); a hostalería (19,6 %); e o persoal dos fogares (15,8 %).

O Observatorio estende a comparativa aos cinco últimos anos, é dicir, incluíndo así dous dos exercicios con maior desgaste da crise (2012 e 2013). Como resultados, o acumulado do quinquenio arroxa que os sectores con máis forte recuperación do emprego en Ourense foron as industrias extractivas (150 %); as actividades xurídicas e de contabilidade (91,7 %); os servizos a edificios e xardinería (43,7 %); as informacións, comunicacións e as actividades artísticas, recreativas e de ocio (36,8 %); a venda e reparación de vehículos (32,1 %); as profesións sanitarias (20,4 %); o persoal dos fogares (18,9 %); e o grupo do resto do sector servizos (18,5 %).

Mentres, os sectores que perden ocupados fano a un ritmo moito máis moderado. Os peor parados do último ano son a industria da madeira, cunha perda interanual do 28,6 % dos ocupados; o fornecemento de enerxía eléctrica, gas e auga (-27,8 %); o resto da industria manufactureira (-26,8 %); os servizos a edificios e xardinería (-23,3 %); a fabricación de vehículos de motor (-23,1 %); o téxtil (-21,4 %); e a construción (-20,5 %). 

E no acumulado de 2012 a 2017 (sempre tomando como referencia o primeiro trimestre de cada ano), encabeza igualmente os descensos de ocupados a industria da madeira, cunha caída do 72,2 %. Tamén sobrepasa o 50 % de baixada o comercio maiorista (-54,2 %). No seguinte chanzo aparecen a industria alimentaria (-46,9 %), o téxtil (-45 %) e a construción (-43,1 %).


Finalmente, o estudo infográfico identifica os oito grupos de profesións que contabilizan máis de 5.000 empregos na provincia, e sobre os que pivota o mercado laboral ourensán. Son o comercio minorista (12.300 postos de traballo); a Administración Pública, Defensa e Seguridade Social (10.400); o ensino (8.700); a agricultura, gandería, caza e silvicultura (6.800); as actividades sanitarias (6.500); a construción (6.200); a hostalería (6.100); e o resto da industria manufactureira (5.200).  Entre os oito fan latexar o 58% do emprego ourensán. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta