Dúas novas ferramentas para revalorizar o sector da madeira: a Axencia Galega da Industria Forestal e o novo Plan forestal de Galicia.

Destaco das noticias de hoxe as palabras pronunciadas polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo  no acto de clausura do 40 Aniversario da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, onde avanzou que a Comunidade contará no verán con dúas ferramentas clave para revalorizar o sector da madeira: a Axencia Galega da Industria Forestal e o novo Plan forestal de Galicia.
Feijóo aseverou que estas dúas iniciativas terán como obxectivo revalorizar a industria conxugando o respecto ao medio ambiente, o desenvolvemento rural e a busca dunha maior expansión comercial, da man da innovación. Neste sentido subliñou que o monte galego é paisaxe, é patrimonio pero tamén é economía; incidiu así mesmo na necesidade de poñer en valor os recursos forestais e a capacidade da industria transformadora para darlle valor engadido.
No tocante á Axencia Galega da Industria Forestal, Feijóo explicou que este órgano estará centrado en impulsar o sector cara aos seu retos de futuro, en primeiro lugar, en facelo máis competitivo a través da innovación ou a diversificación.
Nesta liña, salientou que hoxe xa hai empresas galegas comercializando novos produtos como a madeira laminada, termotratada ou acetilada. “E seguiremos apoiando coa Estratexia da biomasa a instalación de equipamentos que empregan enerxía limpa e autóctona”, abundou.
En segundo lugar, a axencia buscará favorecer a transferencia de coñecemento entre empresas e centros públicos de investigación forestal. Ao respecto, cómpre salientar que no programa Innterconecta se están a desenvolver tres proxectos innovadores no sector da madeira, que mobilizaron máis de 6 millóns de euros.
Sobre o obxectivo de mellorar a cualificación dos profesionais que traballan neste sector, Feijóo afirmou que este organismo levará a oferta de cursos formativos ao ámbito rural e potenciará os centros de formación agroforestal ou as ramas de FP vinculadas a este eido. “E como obxectivo de base, a axencia nace para ser o interlocutor da Administración ante os axentes económicos vinculados a esta industria”, precisou.
En relación ao novo Plan forestal de Galicia, o presidente do Goberno galego aseverou que este nace co fin de velar por que o aproveitamento da madeira na Comunidade se realice de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente.

Con este obxectivo, o plan establecerá diferentes actuacións como: aumentar a superficie de árbores frondosas caducifolias; fomentar a plantación e a rexeneración de especies como o castiñeiro, o carballo e a cerdeira; racionalizar a superficie arborada ocupada polo eucalipto de acordo coas necesidades da industria; establecer medidas de control para unha xestión sustentable das especies cinexéticas; aproveitar a biomasa forestal con fins enerxéticos; e integrar a I+D+i para facer un estudo periódico, por exemplo, das pragas.
No relativo ás áreas afectadas por incendios, o Plan forestal de Galicia potenciará as actuacións de restauración e a formación das brigadas forestais, desde o punto de vista da investigación e as tarefas de prevención.
“Estamos a falar, en definitiva, dun plan que buscará protexer o medio rural pero fortalecendo a cadea monte-industria e a primeira e segunda transformación dos produtos forestais”, dixo Feijóo, precisando que, no mes de xuño, a Xunta aprobará o documento definitivo para envialo ao Consello Forestal de Galicia e, de aí, sometelo a información pública.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno destacou tamén que a Xunta está a traballar para ofrecer unha xanela única para autorizar as cortas de madeira: un procedemento único, concreto e sometido a un prazo para aprobar ou non unha autorización de corta.
Feijóo concluíu facendo fincapé en que a busca do equilibrio entre a preservación do medio ambiente e o aproveitamento económico do monte implica a produtores, industria transformadora e Administración. Non en van, o sector da madeira está composto por máis de 80.000 propietarios forestais, 2800 comunidades de montes, 70.000 empregos e 3.000 empresas. Así mesmo resaltou que a provincia de Lugo é unha das principais produtoras de madeira de toda España e lembrou que en 20 comarcas de Galicia a industria da madeira supón o 25 por cento do emprego industrial.

Celebro moito estas inciaitivas que tentan por máis en valor o gran recurso natural e económico que Galicia ten no seu monte. Lembremos que no conxunto de España, Galicia representa o 43% da madeira, e temos que aproveitar este feito para desenvolver o noso medio rural especialmente naquelas provincias como Ourense que teñén un serio problema de despoboamento.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta





Con la tecnología de Blogger.