Continúa a instalación de enchufes individuáis en todos os trens da serie 730 de Madrid-Galicia

Viaxo esta mañá no primeiro tren matinal Alvia S-730 que sae ás 5,55 horas de Ourense a Madrid e que esta mañá presenta unha moi alta ocupación, sen dúbida debido á circunstancia de que onte martes 2 de maio foi festivo na capital. 

Así comprobo de primeira man que neste convoi todas as butacas contan xa cun enchufe e o revisor infórmame que hai pouco máis dun mes que foron instalados. De modo que aproveito para recargar a batería da tableta coa que escribo esta entrada.

Renfe, atenta ás necesidades dos usuarios, sabia das demandas de enchufes neste tipo de viaxes de longa distancia ( neste caso de catro horas e media) nas que moitos, por razóns de traballo ou de lecer, utilizan ordenadores, tabletas e teléfonos que esixen alimentación de baterías e a única alternativa era ir recargar á cafetería ou mesmo aos servizos.

E reaccionou coa  adxudicación en abril de 2016 dun contrato de 1.042.075 € para instalar enchufes en todas as butacas da clase turista e preferente en 42 trens de alta velocidade, dezaseis dos cales corresponden á serie 102 (AVE), catorce á serie 130 (Alvia) e doce á serie 730 (Alvia).


Desde finais do ano pasado Renfe está a instalar progresivamente enchufes nos talleres de Alta Velocidade de Fuencarral e de Málaga. Para a súa instalación aprovéitase  calquera revisión de mantemento, xa sexa de confort, mecánica ou eléctrica, para así non prescindir de ningún dos seus trens e, por tanto, que non afecte á circulación.

Fai poucas datas a operadora informaba do proceso de instalación nos Alvia S-730:

Quítase a alimentación da catenaria para que non haxa alta tensión, pero conéctase o tren a unha alimentación auxiliar para que haxa luz no coche.

Desde o cadro de luz sácase o cable que chegará aos asentos; desmontan o teito para colocar correctamente os 150 metros, aproximadamente, de cable que se necesitan por coche e evantan e desmontan as butacas. E finalmente mecanizan o enchufe ao asento.

Aproveito para lembrar que o pasado 29 de marzo preguntei na Comisión de Fomento ao Secretario de Estado, Xullo Gomez Pomar sobre a necesidade da instalación dos enchufes individuais nestes  trens e a súa resposta foi que : "hai vehiculos dotados deles no traxecto Madrid-Galicia e está previsto que todos os trens da serie 730 de Madrid-Galicia, dispoñan destes enchufes antes de que alcancemos o fin de ano"


Estou convencido de que este obxectivo cumprirase e tamén que seguirá crecendo de forma destacada o número de usuarios da relación diúrna Madrid-Galicia. Neste sentido volvo informar que pechamos 2016 con máis de 900.000 viaxeiros nesta relación, o que supuxo un crecemento do 26,1 % na demanda destes servizos, 187.000 viaxeiros máis en 2016 que en 2015.

É importante lembrar que o produto Alvia supón case o 95 % de todo o tráfico entre Madrid e Galicia, e se analizamos as cifras dos dous primeiros meses do ano 2017, a tendencia continúa sendo positiva, cun incremento do 5,1 %, o que supón uns 6.000 viaxeiros máis neste período. 

Ademais as obras do AVE a Galicia seguen adiante e a previsible entrada en servizo a finais de 2018 do tramo Zamora-Pedralba da Pradería suporá unha reducion adicional duns trinta e cinco minutos nas relacións actuais con Galicia co que o número de usuarios crecerá dunha maneira notable.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.