Sobre o novo Centro Integrado de Atencións ás Emerxencias (CIAE-112)

O mércores pasado tivo lugar un feito moi importante para todos os cidadáns, que foi a posta en operación do Centro Integrado de Atencións ás Emerxencias (CIAE-112).
Situado en A Estrada, conta cunha superficie de máis de 4.600 metros cadrados -10 veces superior á dimensión actual- que lle permitirá acoller 77 postos iniciais de atención directa, o que supón incrementar nun 125% a atención de resposta ao cidadán. Ademais, as instalacións dispoñen dos recursos materiais e técnicos necesarios para prestar unha resposta integral ás emerxencias, grazas á integración doutros operadores.
O novo centro, no que se investiron algo máis de 12 millóns de euros, aproveita as sinerxías coa Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o que permite unificar nun mesmo espazo a atención, a xestión e formación das emerxencias, un aspecto pioneiro a nivel estatal.
A superficie do novo centro, e o seu deseño multifuncional e adaptable, facilitará tamén prestar unha atención integral, que é un dos principais obxectivos do novo CIAE-112. Así, as instalacións dispoñen dos medios técnicos necesarios para permitir unha integración paulatina doutros operadores relacionados coas emerxencias, como é o caso do 061, ou dos representantes da Policía Nacional ou a Garda Civil. Deste xeito, poderase ofrecer aos cidadáns unha resposta integrada, rápida, eficaz, coordinada e sen duplicidades.
Outra das principais novidades é a nova plataforma tecnolóxica, deseñada de xeito específico para este centro e que permite integrar maior número de información a tempo real, o que redundará nunha maior axilidade e precisión na toma de decisións.
Hoxe recibimos información de que o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE-112), recibiu 6.322 chamadas nos seus primeiros tres días de funcionamento. Desde que se atendeu ao primeiro usuario, ás 00.51 horas do mércores, prestouse servizo a 1.357 incidencias.
E que nos primeiros tres días tras o traslado certificaron o bo funcionamento da nova plataforma informática, xa que desde esa madrugada do mércores, tódalas chamadas se atenderon a través deste sistema e non foi necesario botar man dos dous plans alternativos que había previstos en caso de que xurdira algún tipo de contratempo.
Lembrar que o 112 é o Número Único de Emerxencias Europeo: Urxencias e emerxencias en materia sanitaria, extinción de incendios e salvamento, seguridade cidadá e protección civil.
Dispoñible 24 horas ao día 365 días ao ano, prestando un servizo integral:  atende calquera demanda de urxencia e emerxencia informando das actuacións a todos os organismos que interveñen na resolución das mesmas para conseguir unha resposta coordinada.
E sobre todo gratuíto, sen custo algún para o usuario.
Parabens ao Vicepresidente da Xunta e Conselleiro, Alfonso Rueda, ao director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Juan José Muñoz e a todos os traballadores  do CIAE-112.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.