Unha iniciativa pioneira para favorecer o aforro enerxético en fogares e edificios públicos no barrio ourensán de A Ponte

Recibimos unha extraordinaria noticia para  a cidade das Burgas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe en Bruxelas que o Goberno autonómico desenvolverá en Ourense o primeiro ecobarrio, que permitirá facer máis sustentables e eficientes os concellos galegos no horizonte 2020.
Durante unha xuntanza co comisario de Enerxía e Clima, Miguel Arias Cañete, Feijóo presentou esta iniciativa pioneira –que está previsto que se desenvolva conxuntamente co Concello e que ten garantida xa algunha achega do Goberno central- encamiñada a impulsar o aforro e a eficiencia enerxética a través da xeotermia e da biomasa.
O proxecto, radicado no barrio ourensán de A Ponte, favorecerá o aforro enerxético nos fogares de 20.000 veciños e en 35 edificios públicos da zona: colexios, estacións de bus e tren, centros de saúde e unha praza de abastos, entre outros.
De tal xeito que nos edificios privados se primarán actuacións naquelas zonas máis desfavorecidas; e, a nivel de barrio, o proxecto buscará sobre todo mellorar a iluminación exterior, promover o investimento para unha mobilidade sustentable e a creación dun district heating que permita abaratar custes de calefacción e quentamento de auga, tanto nos edificios públicos como privados, así como investimentos que optimicen os edificios con actuacións como a impermeabilización, entre outras cousas.
“Neste momento estamos elaborando o anteproxecto”, explicou Feijóo, co obxectivo de presentar no mes de xuño esta iniciativa que atende as demandas contra o cambio climático, incrementa a enerxía renovable e diminúe o efecto invernadoiro.
Durante a reunión, Cañete mostrou o seu apoio á creación dun grupo de traballo no que tamén participen representantes do BEI e o ICO, para fixar conxuntamente unha estratexia de financiamento, coa aspiración de poder contar co apoio de fondos europeos e coa colaboración do Plan Juncker.
Feijóo incidiu en que con esta iniciativa Galicia aspira colocarse na vangarda do uso das enerxías renovables. De feito, o propio comisario mostrou moito interese neste proxecto, pioneiro na UE, xa que só hai unha iniciativa similar que se está a desenvolver nunha rexión francesa.
Dentro da área específica de traballo do comisario, o responsable do Goberno galego presentou tamén os avances na elaboración da estratexia galega contra o cambio climático. Un ambicioso documento cuxo borrador, avanzou, se presentará en decembro deste ano.
Feijóo invitou o comisario europeo de Enerxía e Clima a visitar Galicia nesas datas, para presentar esta iniciativa contra o cambio climático e con obxectivos superiores aos da UE, tanto na redución de emisión de gases de efecto invernadoiro como no relativo ás enerxías renovables.
Parabens ao alcalde Jesús Vázquez, que é o promotor desta inciaitiva.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.