viernes, 7 de abril de 2017

Avances importantes no complexo cultural de San Francisco

Salientar con satisfacción a nova de que o remate das obras da nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense está previsto para finais deste ano 2017.
Así o anunciaba onte o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Luis Lafuente Batanero, na visita que realizou ao complexo de San Francisco, acompañado polo polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez; e outros membros da corporación local.
O Sr. Lafuente dixo que as obras do complexo cultural de San Francisco son as máis importantes que está executando o Ministerio de Cultura en todo o Estado, afirmando que “en ningunha outra cidade se están desenvolvendo obras simultáneamente en Biblioteca, Arquivo e Museo”, poñendo en valor tamén que Ourense é a cidade que máis investimentos en materia cultural ten consignados no Proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2017
Lembrar que ademais do arquivo, as instalacións de San Francisco tamén albergarán a nova sede da Biblioteca Pública de Ourense, para a que están comprometidos 4,2 millóns en 2017 –principalmente para a dotación de equipamento e mobiliario–. A esta contía hai que engadir os 19,6 millóns executados ata a data polo Ministerio para construír as novas sedes destes dous centros, o que suma un investimento de 23,8 millóns.
As actuacións do Ministerio no equipamento cultural para estes centros xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura inclúen tamén a reforma e rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), cuxo proxecto contempla un orzamento de licitación de 11,4 millóns de euros. O Ministerio prevé poder iniciar este ano as actuacións de rehabilitación, á espera de que estea modificado o Plan especial de reforma interior (Peri) do Concello de Ourense para obter as correspondentes licenzas e proceder a licitar as obras.
En conxunto, os investimentos do Goberno nas novas sedes do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e da Biblioteca Pública da Ourense, e na rehabilitación do Museo Arquolóxico Provincial de Ourense superarán os 35 millóns de euros.
Salientar que o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez que o 9 de marzo de 2016 mantivo unha reunión en Madrid co ministro de Cultura, íñigo Méndez de Vigo na que éste comprometeuse a impulsar  as obras da Biblioteca e do Arquivo Provincial e tamén do Museo Arqueolóxico
Neste sentido o alcalde dixo que  “cunha partida este ano de 250.000 euros por parte do Ministerio, estou seguro de que este será, por fin, o ano no que este tesouro de Ourense volverá a activarse”.
Sobre o Museo, ata a data traballouse na redacción dos proxectos básicos e de execución así como de estudos previos do edificio, xa finalizados, por importe de 247.462,88 euros.
Pendente da modificación do Peri, unha vez se obteñan as oportunas licenzas procederáse a licitar as obras. O proxecto de reforma e rehabilitación do Museo contempla un coste de licitación de 11,4 millóns. Posteriormente realizaranse novos contratos para a redacción do proyecto de museografía e o de execución desta.
“Por tanto, estamos ante uns investimentos (realizados ou de próxima realización) que na súa totalidade ascenden a 35 millóns 456 mil 805 euros, entre biblioteca, arquivo e museo Arqueolóxico”, concluiu o alcalde, Jesús Vázquez.