miércoles, 8 de marzo de 2017

Ourense capital e o seu cinto industrial impulsan dous de cada tres novos empregos que se crean na provincia

Onte foron presentados nun acto celebrado no salón de actos do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” os datos do Observatorio Económico Ourensán referidos ás comarcas de Ourense, Allariz e Maceda.

Foi a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o profesor da Universidade de Vigo Andrés Mazaira, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

Manuel Baltar destacou que este oitavo informe do Observatorio reflicte que a capital e o seu cinto industrial “impulsan dous de cada tres novos empregos que se crean na provincia”, “unha provincia que se está a recuperar laboralmente logo dunha etapa de crise importante”. 

O 67,1% dos novos empregos que se crean na provincia están a xurdir desde a comarca de Ourense. O punto de inflexión do mercado de traballo ourensán ten unha data moi concreta, o mes de marzo de 2014, que deparou o final da crise desde a perspectiva laboral e o arranque da recuperación dos mercados locais.

Entre marzo de 2014 e decembro de 2016, a comarca de Ourense achegou dous de cada tres novos empregos, ata totalizar un saldo neto de 2.580 postos de traballo (diferenza entre os empregos creados e os desaparecidos no período de estudo). A contribución que están a realizar a capital, a súa contorna empresarial e industrial, e o resto da comarca, sitúase 16 puntos porcentuais por encima da que lle correspondería en función da súa dimensión laboral, xa que concentran o 51,03% dos empregos existentes no conxunto da provincia.

As afiliacións atendendo ao municipio no que está empadroado o traballador sitúan como resultado de 2016 un crecemento do 1,6% na comarca de Ourense, unha décima porcentual por encima da media da provincia. No acumulado dos dous últimos anos completos, a creación neta de emprego acada o 2,9%. Por primeira vez desde 2011, prodúcese un peche anual sobrepasando a barreira dos 50.000 afiliados na comarca.

Oito dos doce municipios que comparten unidade territorial son xeradores de emprego, entre eles o propio concello de Ourense, que saldou 2016 ampliando nun 1,5% o seu mercado de traballo. Ademais xa acumula dez trimestres consolidando os 35.000 afiliados. En decembro sumaba 36.453, co que xa precisa recuperar menos dun 10% de emprego (en concreto un 9,9%) para volver aos niveis de récord nos que andaba a finais de 2007, moi preto dos 40.500 empregos.

En proporción, os concellos desta comarca que crearon máis emprego neto o ano pasado foron San Cibrao das Viñas (5,2%), Amoeiro (4%), Barbadás (3,3%) e Taboadela (2,8%). Os tres mercados de traballo máis dimensionados despois do que corresponde ao municipio de Ourense están agora mesmo practicamente en niveis máximos de emprego entre os seus residentes. San Cibrao das Viñas e Barbadás presentan hoxe máis fortaleza laboral que antes do inicio da crise, ao crecer nas afiliacións un 25,7% e un 14%, respectivamente, desde decembro de 2007. Mentres, Pereiro de Aguiar achégase aos niveis que tiña naquelas datas, de novo a un paso dos 2.400 afiliados.

Polo contrario, os tres únicos concellos que non se instalaron entre os xeradores de emprego de 2016 foron Vilamarín, Coles e Esgos, pero nos tres casos por estreito marxe, xa que as diminucións nas afiliacións no cómputo do ano movéronse entre o 1,1 e o 2%.

Xa na comarca de Allariz-Maceda, o emprego local medrou un 1% no último ano, medio punto porcentual menos que no conxunto da provincia. Na comparativa desde 2013, a taxa acumulada acada o 4%. As dúas cabeceiras, Allariz e Maceda, foron en termos absolutos os maiores impulsores de novo emprego, categoría que tamén conquistou Paderne de Allariz.

Coa progresión actual, Maceda poderá recuperar o vindeiro ano o milleiro de afiliacións, chanzo que non consigue desde xuño de 2008. Pola súa banda, Allariz suma once trimestres consecutivos sen ceder a barreira das 2.000 afiliacións.

O único concello que se afastou en negativo da tendencia xeral da comarca foi Xunqueira de Espadañedo, que o ano pasado sufriu unha caída do 6,8% nas afiliacións, o terceiro descenso máis forte da provincia, só superado polos de Vilar de Barrio (-9,2%) e Leiro (-7,3%). Mentres, Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía rexistraron diminucións leves, inferiores ao 1%.

No tocante á comarca de Terra de Caldelas, en 2016 anotou a rexeneración laboral máis feble da provincia (0,2%), si ben no acumulado dos dous últimos anos avanza ata o 2,6%. Conta actualmente con dous xeradores de emprego: Parada de Sil (4,1% de incremento neto do emprego) e Castro Caldelas (1,2%). A comarca cedeu en decembro de 2012 o nivel das mil afiliacións.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta