A Xunta ratifica o compromiso de convocar en abril, con plena seguridade xurídica, a OPE de Educación con 1043 novas prazas

Hoxe en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo incidiu na vontade da Administración autonómica de convocar de forma inmediata a oferta pública de emprego de Educación. Unha vez que o Goberno central garanta -tal e como anunciou- a seguridade xurídica da convocatoria mediante decreto lei.
En relación á distribución de prazas, o titular autonómico precisou que das 1043: 540 serán de ensino secundario, 80 de formación profesional, 400 de mestres e 23 de profesores de música e artes escénicas.
Durante a súa intervención, aseverou que, en materia de oferta pública de emprego, Galicia seguirá traballando con normalidade. Ao respecto, lembrou que a taxa de temporalidade no sector público galego é inferior á da media das comunidades -un 14% fronte ao 20,5%-. “E se falamos de taxa de interinidade na Educación, Galicia volve ser a comunidade cunha taxa inferior á media: un 9% en primaria, fronte ao 23,8% da media estatal, e en secundaria un 14% fronte ao 28%”, abundou.
Así mesmo, subliñou que a Comunidade galega é a autonomía con máis profesores por alumno, ademais de seguir baixando a cifra de abandono escolar, que se sitúa por debaixo da media de España.

Aposta polo aforro do custo enerxético dos fogares galegos:
Por outra banda, en materia enerxética, Feijóo asegurou que a Xunta seguirá defendendo o interese xeral dos consumidores e dos fogares galegos, así como os intereses daquelas persoas que teñen dificultades para pagar a luz.
Sobre este punto, afirmou que a Administración autonómica seguirá poñendo en marcha iniciativas para o aforro do custo enerxético dos fogares como a renovación de fiestras, ascensores e instalacións eléctricas. “Desde que chegamos ao Goberno, 27.000 fogares galegos tiveron subvencións para diminuír os seus consumos enerxéticos e somos a primeira comunidade en traballar contra a pobreza enerxética, tanto co tícket eléctrico social como para evitar os cortes de subministración eléctrica”, dixo, precisando que 6000 familias recibiron da Xunta este tipo de axudas. “E este ano temos orzamento abondo para atender todas as solicitudes”, concluíu.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.