lunes, 13 de febrero de 2017

Primeira xuntanza da Comisión de seguimento do acordo para impulsar a intermodal da cidade de Ourense

Informa hoxe a web do Concello de Ourense que " hoxe o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez;o secretario general de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño; o concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, e representantes de ADIF, mantiveron en Madrid a primeira xuntanza da Comisión de seguimento do acordo para impulsar a intermodal da cidade, na que as tres Administracións acordaron a tramitación urbanística conxunta da estación co obxectivo de licitar as obras a finais do ano.
Jesús Vázquez nesta primeira reunión da Comisión de seguimento do convenio para impulsar a intermodal de Ourense, onde se concretou que xa están ratificados os acordos alcanzados polo ministro de Fomento e o presidente da Xunta e o cronograma a seguir para tramitar urbanísticamente as estacións intermodais como un proxecto conxunto a través da lei 3/2016, aprobada para o impulso de infraestruturas de especial interese público, e poder garantir a axilidade e seguridade xurídica neste procedemento.

"O compromiso avanza"

O alcalde de Ourense salienta que con esta reunión, queda probado “que estamos ante a seguridade de que o compromiso adquirido avanza cunha macroestructura que dará para Ourense unha estación intermodal asinada por Normal Foster, con todo tipo de servizos e que de xeito transversal servirá para mellorar as comunicacións con Ourense e dentro da propia cidade, superando as barreiras entre os barrios da Ponte e do Vinteún”.
Ademais, Jesús Vázquez, manifesta a súa satisfacción polo traballo conxunto e de total cooperación entre as tres administracións para que estas obras poidan estar iniciadas en 2018.

Redacción do proxecto básico

Neste encontro de traballo estase a ultimar a redacción do proxecto básico da terminal e xa se adxudicou o do aparcadoiro, polo que nas próximas semanas comezará a tramitación para desbloquear urbanisticamente o proxecto global e o conxunto da futura intermodal, incluíndo os servizos de ferrocarril, de autobús, a pasarela, o vial, a praza humanizada sobre vías e o parking.

A estación intermodal de Ourense integrará as terminais de ferrocarril e a de autobuses no mesmo espazo, constituíndo o principal nó de comunicación de viaxeiros de toda a provincia, facilitando os desprazamentos tanto aos veciños da cidade como do resto de concellos.

A citada infraestrutura incidirá positivamente no contorno que a acollerá, ao superar a barreira que as vías supuxeron na división dos barrios da Ponte e o Vinteún, ademais de que aportará unhas 300 prazas de aparcamento, algo moi necesario no barrio."