As exportacións españolas de mercadorías creceron en 2016 un 1,7% respecto ao mesmo período do ano anterior e alcanzaron os 254.530 millóns de euros, o seu máximo histórico

Coñecemos hoxe o Informe mensual (decembro 2016) sobre comercio exterior elaborado pola Subdirección Xeral de Avaliación de Instrumentos de Política Comercial, Secretaría de Estado de Comercio. 

As exportacións españolas de mercadorías creceron en 2016 un 1,7% respecto ao mesmo período do ano anterior e alcanzaron os 254.530 millóns de euros, o seu máximo histórico. As importacións diminuíron un 0,4% ata os 273.284 millóns de euros.  

Como resultado, o déficit comercial do ano alcanzou os 18.754 millóns de euros, un 22,4% inferior ao de 2015 e o segundo mellor saldo desde 1997, tras 2013. As exportacións españolas rexistraron mellor evolución que as do conxunto da zona euro e a Unión Europea.

A taxa de cobertura -exportacións sobre importacións- situouse no 93,1% (91,2% en 2015), o segundo mellor rexistro de toda a serie histórica tras 2013.

En volume, as exportacións subiron un 3,5%, xa que os prezos caeron un 1,7%; e as importacións aumentaron un 2,8%, ao caer os prezos, en termos de Índices de Valor Unitario (mide exclusivamente os prezos dos produtos que se exportan), un 3,1%.

O saldo non enerxético arroxou un déficit de 2.516 millóns de euros (superávit de 1.912 millóns de euros en 2015) e o déficit enerxético caeu un 37,8%, ata os 16.237 millóns de euros (26.086 millóns en 2015).

A evolución das exportacións españolas en 2016 foi mellor que a do conxunto da zona euro (creceu un 0,7%) e que a da UE (baixou un 0,1%). Aumentaron en menor medida que en España as exportacións de Alemaña (1,2%) e Italia (1,1%) e caeron as de Francia (-0,9%),  Reino Unido (-0,2%), EEUU (-3,2%), China (-6,4%) e Xapón (-7,4%).

Ademais, en 2016 o número de exportadores aumentou un 1% por cento sobre 2015, ata 148.794. En comparación con 2008 (o máximo do anterior ciclo alcista) representa un aumento do 46,7%. Creceu tamén o número de exportadores regulares (os que levan catro anos consecutivos exportando), un  4,2%, ata os 49.792.

Os principais sectores computaron crecementos nas súas exportacións. Os bens de equipo (representan un 20,3% do total) aumentaron un 2,5%; o automóbil (17,7% do total) incrementouse un 5,9% e alimentación, bebidas e tabaco (16,9% do total) creceu un 6,2%.

En importacións, a consolidación da recuperación explica o crecemento da maioría dos sectores: os bens de equipo (22% do total) creceron un 7,6%; o automóbil (13,6% do total) aumentou un 3,9%; as manufacturas de consumo, un 6,5%; alimentación, bebidas e tabaco, un 4,2%; e bens de consumo duradeiro un 7,6%.

As exportacións dirixidas á Unión Europea (66,3% do total) incrementáronse un 4,1% no conxunto do ano 2016. As vendas á zona euro (51,8% do total) creceron un 4,4% e as destinadas ao resto da  UE (14,5% do total), un 2,9%.

A desfavorable conxuntura nos países emerxentes explica que as vendas a terceiros destinos (33,7% do total) diminuísen un 2,6% en 2016. Baixaron as destinadas a América Latina (-9,1%), Oriente Medio (- 4,8%), África (-0,4%) e Oceanía (-17,3%). Creceron as dirixidas a América do Norte (0,3%) e Asia excluído Oriente Medio (3%). A pesar da tónica xeral, aumentaron as exportacións a mercados con gran potencial como Canadá (8,4%), China (13,4%), Hong Kong (10,2%) e Marrocos (13%).

As comunidades autónomas con maiores crecementos nas súas exportacións foron Castela e León (8,7%), Castela-A Mancha (7,7%) e Galicia (6,4%). As maiores caídas rexistráronse en Canarias (-17,9%), o Principado de Asturias (-6,8%) e Estremadura (-2,2%).

As exportacións de Andalucía (10,1% do total) creceron un 2,7% interanual, as da Comunidad de Madrid (11,1% do total) aumentaron un 0,4% interanual, as da Comunitat Valenciana (11,3% do total) incrementáronse un 0,4% interanual e as de Galicia (7,9% do total) ascenderon un 6,4% interanual.

As importacións da Comunidad de Madrid (21,1% do total) incrementáronse un 0,7% interanual, as da Comunitat Valenciana (8,7% de total) creceron un 0,4% interanual e as de Galicia (5,7% do total) subiron un 3,1% interanual.

En Galicia as principais exportacións proviñeron dos sectores de manufacturas de consumo (30,3% do total, subiron un 17,1% interanual), sector automóbil (19,2% do total, creceron un 1,2% interanual) e bens de equipo (15,6% do total, incrementáronse un 2,7% interanual).

Fonte: S. G de Avaliación de Instrumentos de Política Comercial, con datos do Dpto. de Aduanas e II.EE. da Axencia Tributaria.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.