viernes, 20 de enero de 2017

En 2016 os trens turísticos en Galicia alcanzaron un 88,30% de ocupación recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas

Escoito onte á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na presentación en Madrid no marco de FITUR da nova edición de ‘Galicia a todo tren’, o programa dos trens turísticos da Comunidade galega.
Como novidades, para a tempada de 2017, Nava Castro anunciou a ampliación de rutas destacando que neste ano circularán en Galicia un total de 11 trens turísticos, dous máis que o ano pasado, cunha previsión de 56 saídas.
Desta forma, segundo explicou, este ano poñerase en funcionamento o “Tren Ourense termal” e o “Tren da Coruña”.
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o percorrido no primeiro caso, será o itinerario da vía de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Ourense, cidade onde os viaxeiros realizarán unha visita guiada que lles axudará a interpretar o importante patrimonio histórico ourensán e unha inmersión na súa cultura como cidade termal, podendo gozar das súas afamadas instalacións. “A segunda novidade para 2017 será a do tren que unirá Santiago de Compostela coa Coruña, e que permitirá aos viaxeiros descubrir os atractivos desta cidade”, engadiu.
Nava Castro resaltou que con estas dúas últimas incorporacións, búscase potenciar o turismo urbano en Galicia e por iso, manifestou, poñeranse a disposición dos usuarios facilidades. “Así, para o Tren Termal, previmos servizos ferroviarios de aproximación gratuítos desde A Coruña e Vigo ata Santiago, e para o Tren da Coruña, desde Vigo e Ourense”, explicou.
A directora de Turismo de Galicia anunciou ademais a reestruturación do Tren Termal e do Camiño do Norte, que pasará a denominarse “Lugo romano”, e o da Ruta da Lamprea, que incluirá unha visita á cidade de Tui.
Ademais, segundo sinalou, este ano os itinerarios e cronogramas do resto dos trens turísticos tamén serán revisados e modificados en diversos aspectos técnicos e nalgunha das visitas programadas coa intención de acomodarse ás suxestións e demandas que realizaron os viaxeiros durante o ano 2016. “Pretendemos, desta maneira, mellorar a oferta turística global deste exitoso programa e poder seguir suscitando o interese dos nosos visitantes”, manifestou.
Así mesmo, na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia lembrou que este foi un proxecto turístico pioneiro que se iniciou no ano 2013 e que grazas á cooperación institucional entre RENFE, a Deputación de Ourense e Turismo de Galicia cinco anos despois o programa dos trens turísticos de Galicia é un exemplo para a posta en valor dos recursos e os produtos turísticos do noso territorio. “Foi unha aposta decidida que en só dúas edicións pasou de dúas rutas, coas que se iniciou o programa en 2013, ás sete do ano 2014, ata chegar ás nove da última edición”, resaltou.

Neste senso, Nava Castro sinalou que hoxe Galicia conta cun completo programa de trens turísticos distribuído por toda a Comunidade que permite vertebrar na tempada de maior demanda os principais valores da nosa oferta turística a través da rede ferroviaria galega.
A responsable de Turismo da Xunta evidenciou o éxito dos trens turísticos de Galicia cos seus datos de ocupación. “Durante o ano 2016 alcanzaron un 88,30% de ocupación de xuño a setembro recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas”.
Así mesmo, destacou o grao de satisfacción dos usuarios os cales dan unha valoración global do produto de 8,4 puntos sobre 10. “E algo moi importante, o 97,7% dos viaxeiros recomendarían o produto”, concluíu.

CONVENIO DEPUTACIÓN- RENFE PARA PROMOCIONAR O FERROCARRIL COMO MEDIO DE TRANSPORTE PARA A ACTIVIDADE TERMAL

Seguindo con trens, dar conta de que tamén onte en FITUR o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Renfe, Ramón Azuara, en presenza do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, asinaron un convenio para fomentar conxuntamente o uso do tren como medio de transporte para a promoción da provincia ourensá como destino termal.

O convenio, que estará vixente ata o 31 de decembro de 2017, contempla o traslado dos visitantes desde a estación de tren de “Ourense Empalme” ata o balneario correspondente, así como promocionar o ferrocarril como medio de transporte na actividade de Termalismo Saudable e Cultura Termal “Ourense, La Provincia Termal”, ademais de informar aos interesados dos descontos ofrecidos por Renfe.

En agosto de 2014 a Deputación de Ourense e Renfe comezaron esta colaboración, que debido ao éxito no incremento de  usuarios en tren para chegar á provincia, fixo que este programa se teña prorrogado en ampliado nos últimos anos. Neste sentido, para os visitantes que se queiran achegar a esta cultura saudable de Ourense, que aúna termalismo, ocio e saúde Renfe Viajeros ofrece unha tarifa especial chamada “Ourense Termal” que consiste en descontos  do 50 % nos billetes dos trens de Longo Percorrido que  chegan a Ourense.

Trala sinatura do acordo, o presidente do goberno provincial destacou a importancia da alianza con Renfe, “que fortalece a promoción da “marca Ourense” por medio dunha iniciativa pioneira como foi a proposta dos “Trens termais”, que achegan á nosa provincia a viaxeiros de 40 cidades de España, os cales poden facer a súa reserva a través de Internet e confirmar a súa praza no balneario que desexen en apenas un minuto”. “Esta é unha mostra máis do labor que a Deputación de Ourense está a realizar –engade Manuel Baltar-, quen lembrou o proxecto no que está a traballar o goberno provincial, referido a “Destinos turísticos intelixentes”, “unha iniciativa que ten como obxectivo aplicar os últimos avances tecnolóxicos na xestión, xeo-localización e posicionamento turístico na procura de novos mecanismos para impulsar a innovación nos destinos co desenvolvemento das TICs. A finalidade é crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo”, destacou o presidente provincial.

Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense destinará este ano máis dun millón de euros para proxectos de infraestruturas, investigación e promoción do ámbito termal na provincia de Ourense. “O termalismo é un eixe estratéxico do desenvolvemento da provincia, de aí que incidamos na posta en marcha de diferentes iniciativas como o Plan “Ourense, a provincia termal” ou o feito de que Ourense liderará o Pacto Termal Nacional, unha proposta deste goberno provincial que, xunto coa FEMP, presentaremos ao sector, empresas, institucións e usuarios para que o termalismo español sexa un referente en Europa”.

Baltar dixo que en relación aos establecementos termais da provincia “pasamos nestes anos de cinco a sete balnearios, e agardamos a próxima incorporación do balneario de Berán, e, o que sería a excelencia: contar tamén con gran balneario da capital, un proxecto que a Deputación de Ourense estará apoiando para que sexa unha realidade”.   

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta