Conmemorando os 35 anos da toma de posesión de D. Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta autonómica

Asisto hoxe no Parlamento de Galicia a un acto institucional conmemorativo dos 35 anos de Autonomía  que se fixo coincidir co aniversario da toma de posesión de D. Gerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta autonómica para, deste xeito, poñer en valor o “papel determinante” da Cámara na estrutura institucional da Comunidade.

O presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, sinalou que a “precariedade de medios” coa que se constituíu o Lexislativo autonómico, o 19 de decembro de 1981, nunha “sede prestada”,  “víase sobradamente  compensada pola ilusión e o compromiso autonomista dos 71 deputados e deputadas que debutaban en Xelmírez”.

Para Santalices, “Galicia mantén unha débeda de gratitude” con aqueles deputados e deputadas, e tamén con todas as persoas que foron “artífices do proceso de edificación do autogoberno de Galicia e das súas institucións, fundamentais tamén para a consolidación da democracia parlamentaria”.

Con actos como o celebrado este mediodía no pazo do Hórreo, "buscamos tamén –segundo Santalices Vieira- se que fale dos que traballaron a prol da Galicia autonómica, poñer en valor a súa xesta, e que todas as galegas e galegos, especialmente os de menor idade, se interesen pola nosa historia máis recente e polas persoas que a protagonizaron”.

Institucións sólidas:

A xuízo do presidente do Parlamento, o traballo destas persoas, “das máis variadas ideoloxías”, “agromou e madurou ofrecendo como froito a Galicia actual: unas institucións autonómicas sólidas que hoxe permiten exercer a nosa capacidade de autogoberno en pé de igualdade coas restantes Comunidades Autónomas de España, que nos sitúan entre os territorios con maior autonomía política de todo vello continente e que, con frecuencia, son postas como exemplo de estabilidade, confianza e bo facer”.

Recordou Santalices a figura de Antonio Rosón, primeiro presidente da Cámara e primeira medalla a título póstumo do Parlamento de Galicia, como “un dos principais construtores da nosa autonomía” e “exemplo de moderación e bo facer no exercicio do papel moderador que lle tocou desempeñar nos inicios desta institución”.

De Gerardo Fernández Albor, que hai 35 anos tomaba posesión como presidente da Xunta, Santalices Viera recordou que “asumiu a tarefa de impulsar o autogoberno de Galicia practicamente desde a nada”. “E a pesar das limitacións de aquel tempo, mesmo da desconfianza ou da indiferenza que aquela empresa suscitaba, os resultados axiña comezaron a ser visibles, como tiven ocasión de comentar con Don Gerardo esta mesma semana”.

Galeguismo inspirador:

Para Santalices, “o galeguismo que inspirou o Goberno do presidente Albor obrou un cambio certamente admirable sobre a sociedade á que servía”, e puxo como exemplo a normalización da lingua galega, a adquisición do cuartel do Hórreo para convertelo en sede do Parlamento ou  a decisión de dotar á Xunta dunha sede administrativa propia, entre outros.

“Que o exemplo de amor a Galicia profesado por Don Gerardo e por todos os homes e mulleres que co seu traballo dotaron a esta terra de Parlamento e de Goberno de seu nos ilumine e sirva de guía, agora e sempre”, rematou o presidente da Cámara.

Oradores:

No acto celebrado este mediodía no Salón dos Reis do Parlamento tomaron a palabra un exdeputado de cada un dos grupos parlamentarios da primeira lexislatura da Cámara galega: Camilo Nogueira Román (Grupo Parlamentario Mixto), Xerardo Estévez Fernández (Grupo Parlamentario Socialistas de Galicia) Aurelio Domingo Miras Portugal (Grupo Parlamentario Centrista de Galicia - UCD) e Tomás Pérez Vidal (Grupo Parlamentario Alianza Popular de Galicia). Entre outras autoridades, asistiu a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e os expresidentes do Parlamento de Galicia

Durante o acto proxectouse un vídeo cunha mensaxe de D. Gerardo Fernández Albor que en setembro cumprirá cen anos..

A intervención de peche correu a cargo do presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo que, fixo fincapé que, en 35 anos, un período moi breve na historia de calquera país, o noso transformouse como non o fixera durante séculos, demostrando que o autogoberno é unha “ferramenta imprescindible”.


Desde o seu punto de vista, Albor instaurou “a épica da normalidade mediante o uso dun mantra que repetiría acotío: o sentidiño”, xa que recollía unha maneira de ser que se perpetúa na conciencia colectiva de Galicia para facela tolerante, idealista e tamén realista; facíase eco das ensinanzas do galeguismo histórico que propugnaba un país aberto e fraterno; e vinculábase co sentido común que sustenta democracias como a británica.

Así mesmo, o presidente da Xunta puxo en valor como naquel tempo os galegos experimentaron o milagre democrático de que pensamentos distintos e distantes se aproximasen no debate parlamentario, dándose conta de que era posible trasladar ás institucións o acordo básico que entón e agora se dá na sociedade. Foi así, segundo subliñou, como a Autonomía entrou a formar parte da identidade galega.

A Autonomía: o sistema idóneo para Galicia:

O máximo responsable autonómico destacou que Galicia botou a andar seguindo un modelo propio, confiando nas súas propias forzas e afianzada nun galeguismo elaborado e sentido polos galegos. A modernización non produciu traumas e a alternancia política nas institucións non provocou resistencias e iso, segundo subliñou Feijóo, foi un logro que constata que o sentido democrático de Galicia existía moito antes de que a democracia se fixese institucional e legal.


Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que non é só a historia a que permite dicir que a autonomía é un sistema idóneo para Galicia e para a súa convivencia cos demais pobos de España, posto que, como subliñou, a autonomía está avalada polo pasado, e tamén polo presente e o futuro. “Cómpre dicilo nesta efeméride, nun momento en que o Estado autonómico volve sufrir opinións adversas”, sentenciou.

Logo de afirmar que a maior demostración de que a democracia galega é un gran triunfo colectivo consiste na normalidade e na estabilidade, o presidente da Xunta aseverou que a Autonomía é o fogar de todos porque así foi construído por una xeración ‘boa e xenerosa’ da que o presidente Fernández Albor é o mellor expoñente.

“Ese sentidiño que tantas veces predicou o presidente Fernández Albor e que tanto proveito supuxo para Galicia debe seguir inspirando os cambios que se aborden”, engadiu Feijóo, concluíndo que “a Galicia actual, libre e orgullosa de si mesma é filla daquel presidente, daqueles conselleiros e parlamentarios que souberon estar á altura da cita transcendental que o destino lles deparou”.

Foi unha xornada emotiva e que permitiume saudar a moitos políticos de Galicia que fan e fixeron moito pola nosa autonomía, é o caso do ex presidente do Parlamento de Galicia, José María García Leira e o Oficial Maior, José Ramón Cólera Leirado, cos que tiven a honra de traballar na V Lexislatura cando tiven a responsabilidade de exercer a Vicepresidencia primeira.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.