Salientable incremento do orzamento da Xunta destinado a asistencia gratuita.

Saliento como unha moi boa nova que a Xunta de Galicia incrementará en 2017 nun millón de euros (un 10%) o orzamento destinado a asistencia gratuita.
Segundo destacaba hoxe  o vicepresidente, Alfonso Rueda, por primeira vez desde 2010 a Xunta atópase en condicións de abrir un proceso negociador para revisar o baremo económico que perciben os profesionais por atender a quenda de oficio.
O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mantivo hoxe unha reunión co presidente do Consello da Avogacía Galega, Evaristo Nogueira, e outros membros da entidade precisamente co obxectivo de iniciar a negociación destes conceptos e baremos.
Rueda destacou o esforzo realizado durante os anos de crise para manter a contía destinada á quenda de oficio, así como a redución nos tempos dos pagamentos para avogados e procuradores, que actualmente se sitúa nunha media de 20 a 30 días.
Nesta liña, hai que destacar que tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, a Xunta vén de aprobar a dotación adicional para atender os gastos derivados do funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia xurídica gratuíta. Con esta dotación adicional acádese o 8% do total devindicado durante o ano 2015 en concepto de asistencia letrada e defensa gratuítas, igualando así a porcentaxe fixada para os colexios de avogados e mais para os colexios de procuradores.
Hai que ter en conta que a Xustiza rexistrará en 2017 un máximo histórico en canto á partida para esta materia, cun total de 140 millóns de euros de orzamento, onde se inclúe a contía para xustiza gratuíta, 11 millóns, así como un ambicioso plan de infraestruturas xudiciais con obras como a rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña ou a nova Cidade da Xustiza de Vigo.
Sen dúbida unhas boas novas xa que o servizo público de xustiza e fundamental para o bo funcionamento do Estado de Dereito.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.