martes, 27 de diciembre de 2016

Falando da desigualdade salarial entre homes e mulleres en Radio Voz

Interveño esta mañá no habitual faladoiro de Radio Voz que modera Antía Díaz Leal  e na que compartín antena con Xaime Vila, Pepe Loureiro e Maria Luz Canle.

Falamos en primeiro lugar de que as desigualdades salariais por razón de xénero, ao fío dunha noticia relativa a que o Goberno busca reducir a desigualdade salarial entre mulleres e homes e a tal fin estuda incorporar á normativa vixente algunhas medidas, como a obrigación, para as empresa de polo menos 50 traballadores, de informar periódicamente os empregados e comités sobre a remuneración media por niveis profesionais, desagregada por sexos.

Noticia que se deriva dunha resposta escrita do Executivo a unha pregunta realizada por unha deputada de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea.

Dixen que na miña opinión sería moi beneficioso incorporar á normativa vixente, esta obrigación de informar periodicamente.

E engadín que tal e como anunciou a ministra Báñez o Goberno pretende aprobar un plan especial de igualdade entre homes e mulleres no ámbito laboral e contra a discriminación salarial. 

Dixen que é un compromiso de todos os grupos políticos e da negociación colectiva e ten que ser un compromiso real das empresas, sector a sector, empresa a empresa. 

Ninguén pode xustificar hoxe no século XXI que dúas persoas que realizan o mesmo traballo teñan soldos distintos polo único feito de ser home ou muller. 

Hai que reducir a brecha salarial histórica entre homes e mulleres, que se produce primeiro pola discriminación en determinados postos de traballo e en determinadas empresas e que temos que erradicar entre todos, e tamén a brecha á hora de recibir pensións en España. 

E neste sentido resaltei que a pensión media dunha muller en España a día de hoxe é un 30% inferior á dun home. Iso debido a que as mulleres historicamente tiveron carreiras de cotización máis curtas e por iso pensións máis baixas que os homes en España. Porque dedicaron a súa vida fundamentalmente ao coidado da familia ou, polo menos, a responsabilidade do coidado da familia recaía fundamentalmente sobre a muller traballadora e non sobre o home traballador.

E neste sentido lembrei que puxemos en marcha por primeira vez no noso país en xaneiro do ano 2016 o que chamamos complemento de maternidade. En función do número de fillos que unha muller achegou á sociedade, ademais de traballar, pode ter ata un 15% máis de pensión: se ten máis de dous fillos, un 5% máis; se ten máis de tres, un 10%; se ten catro ou máis, un 15% máis de pensión. 

Grazas a ese compromiso, que pasou por esta Cámara e tivo o apoio de todas as forzas políticas, hoxe máis de 143.000 mulleres que se xubilaron en 2016 en España teñen un complemento de pensión. 

Ao fío dunha intervención dun dos interlocutores que daba por certo que un deputado por só estar uns meses no Congreso xa xeraba dereito a unha pensión de xubilación en contía máxima, manifestei que estes temas deberían tratarse con rigor e non con frivolidade.

E convideille a que visite a web do Congreso dos Deputados  ( http://www.congreso.es/portal/page/portal/Congreso/Congreso/Diputados/RegEcoyProtSoc/proteccion_social_diputados.pdf) e así documentarse sobre o alcance do réxime vixente

Así podería saber que en xullo de 2011 produciuse unha importante reforma do regulamento de pensións parlamentarias e outras prestacións económicas a favor dos ex-parlamentarios, aprobada por las mesas do congreso dos deputados e do senado.

Norma que derrogou varios artigos así como a disposición adicional terceira do Regulamento de pensións parlamentarias e outras prestacións económicas a favor dos exparlamentarios, sen prexuízo do establecido nas disposicións transitorias. 

Finalmente falamos dos problemas do alcalde de Santiago, Martino Noriega para conseguir aprobar os orzamentos municipais. A moderadora preguntounos sobre se veriamos extrapolable a esta capital, o  acordo alcanzado en Pontevedra entre a Marea e o Bloque Nacionalista Galego para sacar adiante os orzamentos municipais.

Dixen que despois de escoitar a posición do portavoz do BNG vía difícil que puidesen obter o seu apoio. E resaltei a coincidencia das forzas opositoras na corporación municipal de Santiago de Compostela en que a xestión do Sr. Noriega era moi deficiente e que non estaba á altura da capital de Galicia, percepción que se desprendía da opinión cidadá e do que trasladaban os medios de comunicación.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta