Aprobado o proxecto de lei dos orzamentos da Comunidade para o ano 2017 que blindan e reforzan o sistema de benestar

Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou , tras a reunión do Consello da Xunta, a aprobación do Proxecto de lei dos orzamentos da Comunidade para o ano 2017; unhas contas, aseverou, que blindan e reforzan o sistema de benestar, priorizan a recuperación económica e, polo tanto, as políticas de emprego e consolidan as baixadas de impostos.
Durante a rolda de prensa Feijóo aseverou que, por segundo ano consecutivo, Galicia terá uns orzamentos expansivos e deseñados para trasladar a toda a sociedade galega os primeiros beneficios da recuperación económica. “E para iso, imos empregar na súa totalidade o teito de gasto que aprobou o Parlamento: 9 063 millóns de euros”, afirmou, precisando que os presupostos medran deste xeito un 2,9% con respecto aos deste ano 2016, é dicir, 259 millóns de euros máis e 600 millóns máis que en 2015.
Así mesmo, subliñou que se destinarán máis recursos ao gasto produtivo, “xa que a nosa responsabilidade financeira –dixo- estanos a permitir ter menos custo no gasto da débeda pública”, ao que engadiu que, en concreto, as arcas públicas galegas pagarán en 2017 un 13% menos de xuros que neste exercicio, o que supón que, en tres anos, a Comunidade reduciu nun terzo os recursos destinados a este fin, cun aforro total de 120 millóns de euros.
Logo de aseverar que a Comunidade seguirá o ano que vén cumprindo o déficit, fixando un obxectivo do 0,5%, Feijóo avanzou que, grazas a que Galicia é unha Comunidade cumpridora, o Goberno galego terá a posibilidade de ampliar este obxectivo ao 0,6% ao longo do ano, tal e como aprobou na tarde de onte o Consello de Política Fiscal.
Por outra banda, o Executivo autonómico levará a ratio débeda/PIB ao contorno do 18,8%, “consolidándonos como unha das autonomías menos endebedadas de España”.

Un novo impulso ao sistema de benestar



Despois dun contexto cuns ingresos moi reducidos, no que se fixo todo o posible para que a a Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais públicos seguisen ofrecendo a máxima calidade non só para hoxe, senón tamén para as xeracións que virán, Alberto Núñez Feijóo afirmou que a Xunta aproveitará a marxe orzamentaria para darlle un novo impulso ao sistema de benestar, incrementando en 2017 o gasto social en máis de 200 millóns: 100 millóns máis para Sanidade, 64 millóns de euros máis para Educación e 25 millóns máis para Política Social.

“Seguiremos destinando case 8 de cada 10 euros do orzamento a gasto social”, dixo, precisando que con eses 200 millóns se seguirán mellorando as instalacións sanitarias e educativas: renovando, ampliando e abrindo novos centros sanitarios e incorporando 200 profesores máis no eido educativo.
Por outra banda, explicou que grazas ao crecemento, Galicia poderá seguir consolidándose como un lugar mellor para axudar ás familias. “Non só reforzaremos o investimento en escolas infantís e manteremos a Tarxeta Benvida, senón que tamén incrementaremos os fondos para a atención á dependencia”, abundou.
Aposta polo emprego e polos sectores produtivos
Na rolda de prensa, Feijóo confirmou que nos orzamentos de 2017 seguirá sendo prioritaria a promoción do emprego de calidade, co obxectivo de que Galicia cree, no vindeiro ano, 20.000 novos postos de traballo. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, crecerá porcentualmente máis do dobre que os orzamentos.

Cómpre salientar que Galicia se seguirá posicionando tamén como a Comunidade autónoma máis investidora: arredor de 1.500 millóns de euros irán destinados a investimento, 54 millóns de euros máis que este ano 2015, medrando un 4% por riba da media do orzamento.
No tocante aos sectores produtivos, o responsable autonómico subliñou que as contas de 2017 garanten máis recursos á Consellería do Medio Rural e á do Mar, incrementándose nun 21% o investimento destinado ao desenvolvemento e modernización da agricultura e a silvicultura; e crecerá tamén nun 62% a partida destinada á transformación dos produtos pesqueiros.
“E, tal e como avanzamos a semana pasada, crearanse a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para protexer a excelencia dos nosos produtos; e a Axencia da Industria Forestal de Galicia, que promoverá desde a Administración o desenvolvemento económico dun sector que dá emprego a 70.000 persoas”, lembrou.

Consolidar a baixada de impostos



Por último, asegurou que en 2017 Galicia poderá incrementar a súa capacidade de gasto e, paralelamente, consolidar as baixadas de impostos. Deste xeito, estímase que a finais deste 2016, 68.000 galegos se terán beneficiado da eliminación do Imposto de sucesións ou do programa de impostos cero no rural.
“Seguirase sen pagar o imposto de sucesións e consolidamos a redución do IRPF para o 98,5% dos galegos, así como o programa de impostos cero no rural que ampliamos hai pouco á compra de vivenda no rural”, dixo.
Sobre este último punto avanzou que esta medida, destinada á mocidade, ás familias numerosas e ás persoas con discapacidade que merquen unha vivenda en áreas rurais, ampliarase tamén ás parroquias menos poboadas dos concellos. “Deste modo, estes colectivos non terán que pagar impostos pola compra de vivenda no 87% do territorio galego”, aseverou.
“En definitiva, aprobamos uns orzamentos expansivos, razoables e responsables para unha Galicia que medra. Expansivos porque crece o gasto e razoables porque priman as áreas para incrementar o investimento e o emprego”, concluíu a modo de resumo, facendo fincapé en que con estas contas se garante que a nosa Comunidade siga prosperando.
O presidente da Xunta afirmou que Galicia non crecerá a expensas dos impostos dos galegos senón que crecerá reducindo a carga impositiva que soportan os cidadáns, garantindo o Estado do Benestar e coa vista sempre posta no longo prazo.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, explicou que a Xunta de Galicia incrementará en 2017 o gasto de todas as consellerías que conforman a Administración autonómica e destinará ás provincias de Lugo e Ourense un maior gasto por habitante que en A Coruña e Pontevedra, co obxectivo de seguir avanzando no reequilibrio territorial entre as provincias orientais e as atlánticas. 
Valeriano Martínez detallou que o gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense será de 3.522 e 3.355 euros, respectivamente. Mentres, o gasto per cápita da Administración autonómica na provincia de A Coruña será de 2.457 euros, e de 2.728 euros na de Pontevedra. Isto supón que o gasto por habitante nas provincias orientais é un 33% superior ao gasto nas provincias atlánticas.
En termos absolutos, o maior volume de gasto correspóndese coas provincias máis poboadas. Así, a Xunta destina á provincia de A Coruña 2.769 millóns de euros, e á de Pontevedra outros 2.584 millóns. O volume global é menor nas provincias orientais por ter menos habitantes, xa que recibirá 1.195 millóns e a de Ourense, outros 1.068 millóns.
Respecto do gasto por consellerías, o titular de Facenda destacou que os departamentos autonómicos que terán máis dotación en 2017 son Sanidade (3.614 millóns, 101 máis que este ano) e Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (2.314 millóns, 65 máis). A Consellería de Política Social contará con 645 -medra en 25 millóns-, e a de Medio Rural terá 520, cun incremento de 15 millóns respecto ao actual exercicio.
A continuación figura a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que medra en 31 millóns ata acadar os 434; Infraestruturas e Vivenda (351 millóns, 11 máis); a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (262, cun aumento de 9 millóns) e a Presidencia da Xunta, con 175 millóns, 6 máis.
Finalmente, a Consellería do Mar aumenta a súa dotación orzamentaria en 13 millóns respecto do actual exercicio e acada os 142; a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con 112 millóns -3 máis que en 2016- e a Consellería de Facenda, que medra en 2 millóns, ata os 53.

Beneficios fiscais


O conselleiro explicou tamén que os Orzamentos da Xunta para 2017 incluirán beneficios fiscais para familias, fogares e empresas por un importe de 391 millóns de euros, o que supón un aumento do 7,4% respecto ao actual exercicio. Os beneficios fiscais son unha estimación do impacto sobre os tributos autonómicos das medidas de política económica e social da Xunta. Ademais, Valeriano Martínez indicou que preto do 92% destes beneficios fiscais son de carácter social, é dicir, a favor das familias galegas
Logo da súa aprobación onte no Consello da Xunta, o conselleiro de Facenda entregou hoxe no Parlamento os proxectos de Lei de Orzamentos para 2016 e de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen –entre outras– unha nova rebaixa fiscal centrada no eido rural. A Xunta bonificará a adquisición de vivenda para uso habitual aos mozos, familias numerosas e persoas con discapacidad cando estea ubicada nunha zona rural.
Ademais, o Goberno galego consolida as baixadas de impostos xa en vigor dende xaneiro de 2016, e que afectan ao IRPF, ao Imposto sobre Sucesións -o 99% dos galegos xa non pagan este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo- e o programa de impostos cero no rural. Deste xeito comeza a súa tramitación na Cámara, co obxectivo de que os distintos grupos parlamentarios realicen as súas achegas.

Segundo orzamento expansivo


As de 2017 serán as segundas contas expansivas que presenta a Administración galega dende 2008, de xeito que a Xunta disporá o vindeiro ano de 260 millóns de euros máis que no actual exercicio, e máis de 600 millóns respecto a 2014. Isto permitirá reforzar o gasto social en case 230 millóns de euros e incrementar os investimentos produtivos, co obxectivo de que a recuperación económica chegue a todos os fogares. 

O proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade autónoma para 2017 establece un gasto de 9.063 millóns, o que supón esgotar o teito de gasto aprobado polo Parlamento e elevar o gasto da Comunidade Autónoma un 2,9%. A Xunta incrementa así o seu gasto en 259 millóns respecto ao ano anterior, aos que se suman preto de 40 millóns máis de capacidade pola baixada dos xuros da débeda. A Xunta destinará o vindeiro ano 9.045 millóns a gasto non financeiro e outros 18 a instrumentos financeiros para pemes e I+D.


O pago de xuros de débeda baixa un 13%, o que supón un aforro para a Xunta de 36,3 millóns respecto a 2016 e de case 120 millóns nos últimos tres anos. Neste sentido, o obxectivo do Executivo galego é seguir reducindo a ratio débeda/PIB no 2017 ata situala no entorno do 18,8%, polo que Galicia seguirá entre as comunidades menor endebedadas.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.