“Este Goberno traballará do único xeito que é posible: co pobo, dentro do pobo, ombro con ombro cos galegos”

Esta mañá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou, no acto de toma de posesión dos conselleiros do novo Executivo autonómico, un Goberno “para todos”, comprometido cos obxectivos comúns, que pense no presente e, sobre todo, no futuro do país e guiado pola mellor tradición do galeguismo plural, aberto e integrador.
Expresou o desexo de que o que nos define como pobo defina tamén ao seu Goberno: “Galicia é solidariedade; é espírito de superación; é sentidiño; é convivencia; é firmeza e lealdade; é diálogo, consenso e altura de miras”, dixo.
Garantiu o compromiso dos membros do novo Executivo para seguir esforzándose, para seguir mellorando e para seguir sendo útiles ao pobo.
“Non basta con que levemos tres anos creando emprego, xa que aínda hai persoas que buscan traballo e non o atopan; non basta con que as nosas empresas teñan cada vez mellores perspectivas; non basta con que haxa máis axudas públicas para cada familia; e non basta con que xurdan máis iniciativas para impulsar o rural cara ao futuro”, dixo.
“Este Goberno traballará do único xeito que é posible: co pobo, dentro do pobo, ombro con ombro cos galegos”, aseverou, lembrando que iso é o que pediron os galegos o 25 de setembro: estabilidade, visión de futuro e un Goberno que goberne desde o primeiro ata o último día.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.