sábado, 29 de octubre de 2016

Un novo dominio para un Blog renovado: celsodelgado.gal

Se es lector habitual ou ocasional deste blog, advertirías que nos dous últimos meses foi obxecto dunha ampla renovación. 

E é que desde que o 2 de agosto de 2009  - que é a data na que publiquei a miña primeira entrada- non tiña feito máis que pequenos cambios polo que unha modernización era moi necesaria.

Agora, ademais de mellorar a súa estética e deseño, introducimos ferramentas que fan máis fácil a súa accesibilidade e máis actual o seu contido. Por exemplo a ligazón coas redes sociais, substancialmente con @twitter, permite acceder a esta rede  e ao tempo visualizar no Blog os últimos tweets publicados.

Para esta remodelación contratei os servizos profesionais dunha empresa ourensá http://oestemarketing.com/que dirixe un mozo e brillante emprendedor, Luís Estévez.

Ademais observarías que tamén cambiei a dirección deste blog. Antes era http://celsodelgado.blogspot.com e agora é http://www.celsodelgado.gal/ ao sumarme ao compromiso de presenza na internet cun dominio en galego, que como é constatable é o idioma dominante neste blog.

O obxectivo que me levou a crealo é difundir a actividade parlamentaria desde a miña vivencia como Deputado no Congreso, consciente de que era necesario achegarme aos cidadáns por medio da rede. Para así dar conta do traballo en Pleno e en Comisións, e tamén do que realizamos de interlocución coa sociedade civil tanto en Ourense, como no resto de España.

O certo é que este blog cumpriu xa sete anos e esta entrada que hoxe púbico é a número 2.934 que - como todas as demais - elaborei persoalmente, o que significa que supera ao número de días transcorridos desde o 2 de agosto de 2009, exactamente 2.617.

Sendo amplísimas as materias que abordamos os parlamentarios, neste blog  -como se pode ver polas etiquetas- dominan as referidas a economía, emprego e infraestruturas e por suposto as que abordan variados temas da política ourensá, galega, nacional e europea. Son tamén moitas as noticias publicadas por outras webs e medios que xulgo de interese e traslado a este Blog, precisamente para que sexan motivo de atención, difusión e reflexión.

Moitas grazas polo seguimento deste modesto blog, que tratarei de seguir mellorando e xa sabes que agradezo e valoro calquera comentario que queiras facerme, co compromiso de contestalo ben a través de @twitter ou por correo electrónico.

Feliz sábado.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta