Saliento que no Consello da Xunta celebrado hoxe e presidido polo vicepresidente
da Xunta en funcións, Alfonso Rueda foi aprobado o acordo de adhesión ao Fondo
de Facilidade Financeira correspondente ao cuarto trimestre de 2016.
Na rolda de prensa Rueda salientou que só Galicia e Canarias se
poden adherir a este fondo, “xa que son as únicas que cumpriron”, dixo,
precisando que a comunidade galega pechou o pasado exercicio cun déficit do
0,68 %, por debaixo do límite do 0,7 % fixado polo Consello de Política Fiscal e
Financeira.
Lembrou as numerosas vantaxes deste fondo que ofrece
financiamento a custe 0, incidindo en que isto permitirá á comunidade aforrar
en xuros 65 millóns de euros coa adhesión a este mecanismo neste 2016.
Alfonso Rueda afirmou que Galicia quere seguir sendo a
comunidade de referencia no control do déficit e da débeda pública. “Seguimos
pensando que este é o mellor camiño: non gastar o que non temos, non hipotecar
o futuro de vindeiras xeracións e seguir co rigor nas contas públicas”,
asegurou, facendo fincapé en que tamén é a autonomía que menos incrementou o
seu volume de débeda desde 2008.
Sobre este punto, recordou que Galicia ten unha ratio de débeda
seis puntos inferior á media; é a terceira que menos aumentou o seu déficit
desde 2010, cumprindo cada ano os límites fixados polo Consello de Política
Fiscal e Financeira, e mantense entre as autonomías que pagan con máis
axilidade aos seus provedores, case un mes antes que a media.
“Imos seguir mantendo o modelo de crecemento baseado en
controlar o déficit e a débeda; reforzando o gasto social, que agora chega ao
80% do orzamento; mantendo o gasto investidor, e somos a comunidade cun maior
esforzo en 2015; e seguiremos pagando con axilidade aos provedores”, abundou.
Rueda concluíu asegurando que Galicia seguirá coa folla de ruta
marcada polo Plan Estratéxico de Galicia ata 2020. “Xa crecemos a un ritmo do
3% e queremos acadar un crecemento medio do 2,5% ata 2020; fixemos a maior
baixada de impostos da historia da Autonomía e seguiremos afondando nese
camiño; e os principais indicadores macroeconómicos nos apoian, como as
exportacións ou o índice de produción industrial”, dixo, facendo fincapé en que
con este modelo, “queremos seguir consolidando a recuperación económica de
Galicia”.
Recibirá resposta
Recibirá resposta