sábado, 1 de octubre de 2016

Aprobadas medidas tributarias para cumprir a nova senda fiscal acordada coa Unión Europea

Onte o Consello de Ministros aprobaba, a través dun Decreto Lei, unha serie de medidas tributarias para cumprir a nova senda fiscal acordada coa Unión Europea, que permite un prazo máis longo para alcanzar os obxectivos de déficit público.

En rolda de prensa posterior, a vicepresidenta do Goberno en funcións, Soraya Sáenz de Santamaría, subliñou que o fin é aumentar os ingresos correspondentes ao Imposto de Sociedades, pero que non se trata dunha subida fiscal, senón dun cambio na metodoloxía dos pagos fraccionados que deben realizar as empresas.

Pola súa banda, o ministro de Facenda e Administracións Públicas en funcións, Cristóbal Montoro, destacou que o novo sistema só afecta as empresas cuxa facturación supera os dez millóns de euros, en total unhas 9.000.

O Real Decreto fixa un tipo mínimo no pago fraccionado do 23% sobre o resultado contable; a porcentaxe será do 25% no caso das entidades de crédito e das que se dediquen á explotación de xacementos de hidrocarburos.

A norma xa está en vigor e desta forma, detallou Montoro, nos dous pagos fraccionados que quedan este ano, os de outubro e decembro, as empresas afectadas terán que ingresar as cantidades correspondentes. O novo réxime de pagos non se aplicará só en 2016, senón ata que España reduza o seu déficit público por baixo do 3% do Produto Interior Bruto.

O ministro explicou que a meta é que o Imposto de Sociedades manteña o mesmo ritmo de ingresos dos últimos anos, na contorna dos 20.000 millóns de euros. Tamén remarcou que non supón un incremento deste Imposto, xa que equivale ao anticipo que realizan as persoas físicas polo IRPF e que se lles desconta ao presentar a declaración ao ano seguinte.

Nesta mesma rolda de prensa, a vicepresidenta informou que o Executivo está a analizar medidas lexislativas e administrativas para paliar a situación de bloqueo institucional ligada á imposibilidade de presentar os Orzamentos Xerais do Estado. Estas iniciativas, dixo, evitarían algúns efectos negativos do incumprimento do déficit público ante Bruxelas, así como danos aos cidadáns, e permitirían ás administracións manter o nivel de servizos públicos que veñen prestando ata a data.

Neste sentido, Sáenz de Santamaría confirmou que o seu grupo está a negociar co resto de formacións parlamentarios a proposta de modificar a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, co fin de cumprir coa senda fiscal aprobada pola Unión Europea.

Pola súa banda, o ministro de Facenda e Administracións Públicas en funcións, Cristóbal Montoro, concretou que a modificación da Lei, que necesitaría a maioría absoluta da Cámara, permitiría ao Goberno en funcións levar ás Cortes "os novos obxectivos de déficit para todas as administracións e para as comunidades autónomas".

Respecto diso, manifestou que están a atopar unha "resposta positiva" e un "bo eco" nas conversacións que están a manter con todos os grupos parlamentarios e cos gobernos das comunidades autónomas para modificar a norma.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta