O PP de Ourense, comeza a traballar coa vista posta nas municipais de 2019

Asisto onte á reunión da xunta directiva provincial do PP de Ourense, na que o presidente provincial do Partido Popular, Manuel Baltar presentou ao presidente do PPdeG e presidente en función da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo os resultados provinciais das pasadas eleccións autonómicas, que  tralo reconto do voto emigrante, representaron o 55,01 % de apoio, case que dous puntos máis que nas últimas xerais.

Manuel Baltar, reclamou “intensidade política dende xa para conseguir nas eleccións municipais de 2019 un novo resultado histórico”. Salientou que os resultados obtidos polo PP na provincia en xuño e setembro demostran que “hai que achegarse aos cidadáns para explicarlles os feitos e falarlles de proxectos reais, non de como botar a un partido do poder para poñerse eles”. Con máis de 300 actos por toda a provincia e uns espectaculares resultados, engadiu, “os populares demostramos que somos o partido de Ourense e que seguiremos a facer máis Ourense todos os días”.

Nesta liña, instou a todos os membros da xunta directiva, pero de xeito especial aos presidentes das xuntas locais a traballar dende xa coa vista posta nas municipais de 2019, “sempre tendo en conta que aínda poderíamos ir a unha terceira volta das xerais”, matizou.

“Vós –dixo dirixíndose aos alcaldes- sodes a primeira liña do partido, os que recolledes as principais inquedanzas dos veciños, preocupacións que deben ser o punto de partida para calquera proxecto dunha formación política que desexe lograr a confianza dos cidadáns”.

Na súa intervención na xunta directiva, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, felicitou ao PP ourensán polo magnífico resultado e insistiu tamén en que o partido se manteña en movemento para ser unha alternativa sólida, cun proxecto de maiorías e liderados consolidados. Tal e como indicou, o que teñen que facer os populares é poñerse a traballar xa nas seguintes citas electorais, algo que se fai dende as súas responsabilidades públicas, cumprindo o seu deber, e cun partido activado e activo. 

Feijóo tamén apuntou que a formación ten que ter permanentemente as súas portas abertas á sociedade galega para continuar sendo o partido que máis se parece á nosa comunidade, subliñando que o seu obxectivo é que a vitoria nas pasadas eleccións autonómicas sexa a de todo un país ao longo dos próximos catro anos cun goberno para todos.

Segundo o número un dos populares galegos, as vitorias búscanse e trabállanse desde o primeiro día da lexislatura, polo que pediu ao seu partido poñerse a traballar desde xa para o 2019 co obxectivo de recuperar a confianza perdida nas cidades nas pasadas eleccións municipais de 2015.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.