Galicia, unha comunidade solvente en España, que cumpre, paga e inviste

Saliento como unha extraordinaria noticia que hoxe o presidente do Goberno galego en funcións Alberto Núñez Feijóo, constatou na rolda de prensa do Consello que Galicia volveu cumprir no 2015 o obxectivo de déficit e segue a ser unha comunidade solvente en España, “que cumpre, paga e inviste”.
Información que chega  logo de que a Consellería de Facenda presentase este mañá a Conta Xeral correspondente ao pasado exercicio 2015, e que será remitida con carácter inmediato ao Consello de Contas e ao Parlamento.
“Un ano máis axustámonos aos parámetros fixados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, e pechamos cun déficit de 0,68 %. É dicir, por debaixo do 0,7% fixado como máximo para o conxunto das comunidades, e un punto por debaixo da media das autonomías, que foi do 1,67%”, precisou, salientando que Galicia é tamén a segunda comunidade cun menor déficit público acumulado nos últimos catro anos: un 4,1%, fronte á media do conxunto das autonomías, que se sitúa nun 6,9%.
Así mesmo, Feijóo aseverou que esta responsabilidade se mantivo ademais este ano: “Somos a cuarta autonomía con mellor resultado nos primeiros sete meses deste 2016”, dixo, cun superávit do 0,19%, fronte ao déficit do 0,07% da media autonómica.
Grazas ao compromiso de non gastar máis do que se ten, Galicia é a comunidade na que menos medrou o volume de débeda desde 2008, o que lle permite aforrar cada ano uns 85 millóns de euros en xuros. E é tamén a que logrou en 2015 un maior aforro bruto; un indicador que amosa a diferenza entre os ingresos correntes e os gastos correntes, e que cando é positivo permite dedicar máis fondos ao investimento (Galicia foi en 2015 a comunidade con máis esforzo inversor).
Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego en funcións subliñou a importancia de ter conseguido este obxectivo un exercicio máis, xa que segundo explicou supón lograr tres cousas fundamentais: que Galicia cumpre e achega unhas contas que se axustan aos criterios de déficit desde o ano 2009 e de xeito ininterrompido; “e significa, tamén, que blindamos o noso autogoberno e, polo tanto, mantivemos a autonomía financeira durante a recesión económica todos os anos”.
Como terceiro punto, Feijóo resaltou que, froito da solvencia, a Xunta mantense entre as administracións autonómicas que está a pagar con máis axilidade aos seus provedores.

E, hoxe, segundo datos do pasado mes de xuño, a Administración autonómica galega está a pagar no contorno medio de 17,2 días; isto é, case un mes antes que o conxunto de España, que está a pagar nunha media de 46,5 días.

O responsable do Executivo galego en funcións concluíu facendo fincapé en que todo isto se conseguiu cumprindo o déficit público e investindo máis con cargo a presuposto autonómico que o resto das comunidades. “A Conta Xeral de 2015 reflicte que é posible cumprir o gasto público rebaixando os impostos e contando con máis servizos públicos. Reflicte por tanto que Galicia cumpre, paga, inviste e segue mellorando os servizos públicos”, abundou.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.