miércoles, 24 de agosto de 2016

Galicia acada un máximo histórico no mes de xullo en ocupación hoteleira

Resalto  os datos de ocupación hoteleira do Instituto Nacional de Estatística publicados onte, referidos ao pasado mes de xullo que acreditan que Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros do 5,2% en relación ao ano pasado, con preto de 600.000, o que supón un máximo histórico que supera nun 28% os rexistros do último Ano Xacobeo.

Con máis de 1,22 millóns de pernoitas, Galicia acada tamén neste ano un máximo histórico no mes de xullo e supera nun 17,4% o nivel do último Ano Xacobeo. Segundo a Xunta  é o cuarto ano consecutivo no que se rexistra un incremento da demanda hoteleira en Galicia neste mes de xullo, o 12,2% máis que no mesmo período do ano anterior.

Polo que respecta ao turismo internacional, en xullo de 2016 este participa tamén do comportamento positivo da demanda, ao superar nun 2,3% o nivel de pernoitas hoteleiras do mesmo mes do ano pasado, e permite manter o nivel de demanda internacional en máximos históricos, con 245.841 no conxunto do territorio.

O mercado receptor nacional —aquel conformado polos españois procedentes doutras comunidades autónomas— presentou tamén un comportamento positivo, superando nun 14,9% o nivel de demanda do pasado ano. Son tamén catro anos consecutivos de incremento do turismo receptor nacional e que marcan tamén un máximo histórico, ao superar as 700.000 pernoitas e preto de 300.000 viaxeiros neste sétimo mes do ano.

O turismo interno, o dos residentes en Galicia, presenta tamén un incremento do 15,4% no volume de pernoitas hoteleiras como consecuencia do crecemento da cifra de viaxeiros aloxados, que neste caso foi do 9,7% en xullo de 2016 en relación ao mesmo mes do ano anterior. Con preto de 270.000 pernoitas e máis de 135.000 viaxeiros, o turismo interno acada tamén un máximo histórico.

Estadía media


Os datos do INE publicados  reflicten tamén a suba na estadía nos hoteis e pensións de Galicia, que medra un 6,7%, o que supón un 8.1% máis que a media estatal.

No acumulado dos primeiros sete meses deste ano 2016, Galicia rexistra un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos seus establecementos hoteleiros do 5,5% en relación ao pasado ano, contabilizándose preto de 2,3 millóns. Melloran tamén as pernoitas nunha porcentaxe algo máis elevada, un 7,4%, con máis de 4,23 millóns neste período.

Este é o terceiro ano consecutivo no que se rexistra unha mellora dos niveis de demanda hoteleira en Galicia nos primeiros sete meses do ano. O resultado global desta dinámica sitúa os niveis de demanda deste ano nos máis elevados desde o 2010 —no relativo ás pernoitas—, con cifras moi semellantes ás acadadas xustamente nese Ano Xacobeo.

No relativo á cifra de viaxeiros aloxados obsérvase tamén unha dinámica positiva nestes últimos catro anos, cun incremento do 5,5% en 2016, situando os niveis deste ano en máximos históricos con preto de 2,3 millóns nestes sete meses.

En termos de mercado obsérvase homoxeneidade de comportamento dos principais segmentos. Os tres grandes amosan neste sentido unha dinámica positiva superando con diversa intensidade os niveis do pasado ano.

 Neste ámbito, destaca o turismo internacional, ao rexistrar melloras globais do 3,2% na cifra de viaxeiros aloxados e do 5,1% no volume de pernoitas. Estes incrementos sitúan os niveis de demanda en preto de 650.000 viaxeiros e máis dun millón de pernoitas —cifras que supoñen un máximo histórico en Galicia neste período de sete meses—. Nunca antes o turismo internacional superara o millón de pernoitas hoteleiras nos primeiros sete meses do ano.


DATOS NACIONAIS

Os hoteis españois rexistraron 42,8 millóns de pernoitas o pasado mes de xullo, o que supón un 7,4 % respecto ao mesmo mes de 2015.

Os hoteis facturan 93,2 euros de media por habitación ocupada, o que supón un incremento anual do 6,3% .

A facturación media diaria dos hoteis por cada habitación ocupada (ADR) é de 93,2 euros en xullo, o que supón un aumento do 6,3% respecto ao mesmo mes de 2015. 

Pola súa banda, o ingreso medio diario por habitación dispoñible (RevPAR), que está condicionado pola ocupación rexistrada nos establecementos hostaleiros, alcanza os 69,6 euros, cun incremento do 13,3%. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta