O Consello Europeo ratifica a decisión de non sancionar a España por incumprir o obxectivo de déficit

Hoxe coñecemos que a Comisión Europea recibiu de bo grado as decisións adoptadas polo Consello relativas a España e Portugal no marco do Pacto de Estabilidade e Crecemento.

Estas decisións seguen enteiramente as recomendacións da Comisión formuladas o 27 de xullo. Tras a súa decisión do 12 de xullo pola que se determinaba que España e Portugal non tomaran medidas eficaces para corrixir o seu déficit excesivo, o Consello anulou as multas a ambos os países e fixou novas sendas orzamentarias para cada un deles, segundo o recomendado pola Comisión.

A decisión do Consello do 12 de xullo sobre a ausencia de medidas efectivas obrigaba xuridicamente á Comisión para propoñer unha multa, cuxo importe podía ascender ao 0,2 % do PIB como máximo. Con todo, facendo uso da posibilidade prevista no Pacto, a Comisión recomendou o 27 de xullo ao Consello que anulase a multa, tendo en conta as solicitudes presentadas por ambos os Estados membros, a difícil contorna económica, os esforzos de reforma destes países e os seus compromisos de cumprir o Pacto. O Consello non estaba vinculado por esta recomendación, pero decidiu aplicala.

Tras a Decisión do Consello sobre as medidas non efectivas, a Comisión tamén debe propoñer ao Consello a suspensión de parte dos compromisos relativos á execución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (Fondos EIE) correspondentes a 2017.

Como recomendou a Comisión, o Consello pide a Portugal que poña fin ao seu déficit excesivo en 2016 e a España que o faga como moi tarde en 2018.

A Comisión presentará a súa proposta sobre a suspensión dunha parte dos compromisos dos Fondos EIE para 2017 tras un diálogo co Parlamento Europeo, que terá lugar pouco despois do verán do Parlamento. Para levantar a suspensión dos Fondos EIE, tanto España como Portugal terán que demostrar o pleno cumprimento do Pacto, segundo o expresado nas recomendacións adoptadas hoxe polo Consello. Ambos os Estados membros deben tomar medidas efectivas e notificalas como moi tarde o 15 de outubro de 2016, á vez que presenten os seus proxectos de plans orzamentarios este outono.

O Consello fai un chamamento a España para reducir o seu déficit global ao 4,6 % do PIB en 2016, ao 3,1 % do PIB en 2017 e ao 2,2 % do PIB en 2018, obxectivo que deberá ser coherente cunha deterioración do saldo estrutural do 0,4 % do PIB en 2016 e unha mellora do 0,5 % do PIB tanto en 2017 como en 2018. O axuste tamén esixe que España adopte e aplique plenamente as medidas de saneamento por un importe do 0,5 % do PIB tanto en 2017 como en 2018.

O Consello insta a Portugal a reducir o seu déficit global ao 2,5 % do PIB en 2016. Con este fin, Portugal debe adoptar e aplicar plenamente medidas de saneamento por un importe do 0,25 % do PIB en 2016. En particular, Portugal debe aplicar plenamente as medidas de saneamento incorporadas no orzamento 2016, incluído o control do gasto adicional na adquisición de bens e servizos indicado no programa de estabilidade.

O Consello tamén insta a España e Portugal a estar preparados para adoptar novas medidas en caso necesario.

Estamos, como declarou hoxe Pierre Moscovici, comisario de Asuntos Económicos e Financeiros, Fiscalidade e Aduanas, ante : «decisións que reflicten unha aplicación intelixente do Pacto de Estabilidade e Crecemento"

Sen dúbida o esperado novo goberno de España deberá fixar novas traxectorias orzamentarias cribles, para responder debidamente as decisións colectivas adoptadas pola Comisión e o Consello. Manter o crecemento económico é a mellor receita para cumprir os nosos compromisos.

Unha vez máis as miñas felicitacións ao ministro Luís de Guindos pola xestión deste complicado asunto.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 


Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.