domingo, 21 de agosto de 2016

As exportacións españolas crecen un 2,3% e o déficit retrocede un 31,4% ata xuño

Coñecemos o venres pasado o Informe mensual de Comercio Exterior que aporta interesantes e positivos datos desde xaneiro ata xuño de 2016 

As exportacións españolas de mercadorías aumentaron un 2,3% no primeiro semestre de 2016, ata os 128.041,2 millóns de euros, máximo histórico da serie para o acumulado neste período. En volume o aumento foi maior, do 4,8%, ao caer os prezos, aproximados polos Índices de Valor Unitario (IVUs), un 2,4%.

As importacións, pola súa banda, caeron un 0,5%, ata os 135.919,5 millóns de euros. En termos de volume incrementáronse un 4,6%, xa que os prezos diminuíron un 4,9%.

Como resultado, de xaneiro a xuño, o déficit comercial alcanzou os 7.878,3 millóns de euros, dato un 31,4% menor ao rexistrado no mesmo período de 2015. A taxa de cobertura situouse no 94,2%, 2,6 puntos porcentuais por encima que a de xaneiro-xuño de 2015 (91,6%). O saldo non enerxético arroxou un superávit de 99,4 millóns de euros (2.560,2 millóns de euros en xaneiro-xuño de 2015) mentres que o saldo enerxético diminuíu un 43,2% (redución do déficit enerxético) favorecido pola substancial caída dos prezos da enerxía.

Se comparamos internacionalmente os resultados de España no primeiro semestre (2,3%), estes contrastan cos retrocesos rexistrados polo conxunto da zona euro (-0,2%) e pola Unión Europea (-0,8%). Tamén descenderon as exportacións de Francia (-1,2% interanual) e Reino Unido (-5,3%), mentres que se mantiveron estables as de Italia (0,0%) e incrementáronse as de Alemaña, aínda que en menor medida (1,5%) que as de España. Fóra da UE, tamén decreceron as vendas de Estados Unidos (-6,5%), China (-6,9%) e Xapón (-8,7%).

Nos seis primeiros meses de 2016 evolucionaron positivamente as exportacións dos principais capítulos. Así, os bens de equipo (20,2% do total) creceron un 5,2% interanual; o sector do automóbil (18,9% do total) continuou co seu elevado crecemento cun 13,3% interanual; e o sector de alimentación, bebidas e tabaco (17,1% do total) tamén viu incrementarse as súas vendas ao exterior un 6,3%. Doutra banda, retrocederon as vendas dos sectores de produtos enerxéticos (-7,9% interanual) penalizados polos baixos prezos da enerxía, semimanufacturas non químicas (-4,6%), materias primas (-10,5%) e outras mercadorías (-51,6%).

Por Comunidades Autónomas, as que experimentaron unha maior taxa de variación interanual das súas exportacións en xaneiro-xuño de 2016 foron Castela e León (18,7% interanual), Castela-A Mancha (11,8%) e Cantabria (10,6%). En cambio, os maiores descensos interanuais rexistráronse en Canarias (-20,3% interanual), Illes Balears (-20,1%) e o Principado de Asturias (-12,5%).

En termos de contribucións á taxa de variación interanual das exportacións totais, as maiores contribucións positivas corresponderon a Castela e León (1,1 puntos porcentuais) cuxas exportacións representaron un 6,6% do total e creceron un 18,7% interanual, e á Comunitat Valenciana (1,0 puntos porcentuais), cuxas vendas supuxeron o 12,0% do total e aumentaron un 8,9% interanual. As comunidades coas maiores contribucións negativas foron a Comunidad de Madrid con -0,5 puntos (10,7% do total de exportacións, caeron un 4,1%) e a Región de Murcia con -0,2 puntos (3,4% do total, decreceron un 5,7%).

As exportacións de Cataluña (25,4% do total) subiron un 2,0%, e as de Andalucía (10,1% do total) incrementáronse un 0,2%. As do País Vasco (8,5% do total) aumentaron un 1,3% e as de Galicia (7,6% do total) incrementáronse un 5,5%.