sábado, 9 de julio de 2016

Na apertura da " Escola de Verán de Dereitos Fundamentais e Liberdades Públicas, Miguel Ángel Blanco"

Asisto en O Carballiño á "Escola de Verán de Dereitos Fundamentais e Liberdades Públicas, Miguel Ángel Blanco".

Iniciativa que ten como obxectivo “sumar potencialidades, analizar ideas e debater os asuntos máis punteiros da actualidade social, sen esquecer a razón primeira que é homenaxear a memoria dun xoven político popular, vítima da barbarie terrorista”.

Correspondeu a apertura ao presidente provincial, Manuel Baltar, e ao presidente da xunta do Carballiño, Argimiro Marnotes.

Logo baixo o título de “A portavocía responsable; 35 anos de Parlamento galego”, desenvolveuse unha mesa redonda que, moderada polo actual presidente da Cámara galega, Miguel Santalices, contou coa presenza dos que foron voceiros populares: José Luis Barreiro Rivas (1981-1986), Jaime Alberto Pita Varela (1998-2005), José Manuel Barreiro Fernández (2005-2007) e Pedro Puy (desde o 2011 ata hoxe). 

José Luis Barreiro Rivas, voceiro, lembrou as dificultades da súa etapa e o cambio fundamental rexistrado en Alianza popular tras a victoria nas eleccións de 1981, comezando daquela pola organización, por crear unha linguaxe propia e un discurso. Un tempo complicado, dixo, “pero satisfactorio e que me leva a pensar que si saímos de situacións como as vividas a principios dos oitenta, tamén se pode saír desta”.

Pola súa banda, Jaime Pita Varela, afirmou sentirse honrado por vivir unha etapa política na que xurdiu “o partido máis importante e forte de España e Europa pola súa estrutura, e os populares galegos dentro da formación nacional”. Fronte á crítica continua, afirmou, “temos que facer un labor de apostolado, predicando os nosos postulados, transformando o país en positivo como así fixemos en dúas ocasións e sendo en Galicia e en Ourense exemplo de como se xestiona un partido”.

“Hoxe hai demasiada tensión que impide o debate construtivo”, destacou entre tanto José Manuel Barreiro, voceiro na Cámara galega entre 2005 e 2007 e actual voceiro do PP no Senado, comparando a súa responsabilidade no Parlamento de Galicia co momento actual. Logo da súa traxectoria como representante do partido en diferentes institucións, José Manuel Barreiro abogou pola necesaria construción “dun relato político cara á sociedade para ser quen de involucrar cada vez a máis persoas”.

Por último, Pedro Puy, voceiro dende 2011 ata o de agora, quixo destacar a importancia da mesa redonda non só polo peso político dos seus membros, “senón porque ven de representar a través do seus voceiros a opinión maioritaria de Galicia”. Chamou Puy a atención sobre a importancia da función que cumpren os voceiros, “fundamentais no traballo parlamentario dun partido, cun importante labor interno pero tamén cunha proxección exterior que se ve reflectida na opinión pública”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta