miércoles, 20 de julio de 2016

Desenvolver iniciativas no sistema público de saúde de Galicia para dar reposta ao desafío do envellecemento

Salientar hoxe que  no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, tivo lugar a presentación do Código 100, proxecto que conta cun orzamento de 13 millóns de euros, e que ten por obxectivo desenvolver iniciativas no sistema público de saúde de Galicia para dar reposta ao desafío do envellecemento da nosa sociedade.
O Ministerio de Economía e Competitividade cofinanciará o desenvolvemento do proxecto CÓDIGO 100 en Galicia con 10,4 millóns de euros, no marco do Programa Operativo Plurirrexional FEDER de Crecemento Intelixente 2014-2020 (POCInt). O importe restante distribúese do seguinte xeito: o Sergas achegará 1,3 millóns de euros e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), outros 1,3 millóns.
No acto estiveron presentes,  o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o reitor da USC, e outras autoridades.
O programa xira en torno a tres liñas de actuación:
A primeira busca promover unha maior participación do usuario do sistema sanitario no proceso terapéutico e un maior empoderamento dos doentes. Pretende desenvolver ferramentas capaces de personalizarse de forma automatizada e intelixente, adaptando a información e servizos ofrecidos ás necesidades, intereses e preferencias particulares do usuario en materia de saúde e estilo de vida.
A segunda das liñas ten como meta avanzar na personalización das terapias e tecnoloxías de diagnóstico para unha asistencia sanitaria máis eficaz e eficiente, fomentando a incorporación ao sistema público de saúde de novas terapias e tecnoloxías que se atopen en fases finais de desenvolvemento, como biomarcadores avanzados para diagnóstico e prognóstico de enfermidades, dispositivos médicos ou desenvolvementos TIC.
A última das liñas de actuación consiste en dinamizar o coñecemento sanitario co obxectivo de obter un maior impacto en todas as liñas de actuación. Neste sentido, preténdese desenvolver unha plataforma tecnolóxica cuxa implantación repercuta nunha mellor xestión das competencias, posibilitando una visión proactiva e adaptativa do coñecemento dos profesionais da organización que permita unha xestión áxil e eficiente dos recursos humanos.