Analizando o desenvolvemento do plan “Ourense, a provincia termal”

Da actualidade de hoxe, destaco a reunión do Consello Termal Ourensán, no balneario de Lobios para analizar o desenvolvemento do plan “Ourense, a provincia termal”, e que foui presidido por Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar destacou o “protagonismo termal” que a provincia de Ourense ten no ámbito nacional con iniciativas innovadoras como o “Termalismo Deportivo”, o “Termalismo social”, ou mesmo infraestruturas como a primeira piscina termal fluvial.

Lembrou Deputación de Ourense destina cada ano máis dun millón de euros a termalismo e, neste sentido, Baltar pediu aos concellos termais a súa implicación para que nos seus orzamentos tamén figure “unha partida para termalismo”, “para que entre todos promovamos un eixe estratéxico de desenvolvemento da nosa provincia, porque sexan poucos o moitos cartos, o importante é que a palabra “termal” figure nos orzamentos dos concellos”.
  
Baltar tamén se referiu á especialización universitaria de Ourense coa posta en marcha do “Campus da Auga”, e do plan de termalismo social, que fai posible, grazas ao acordo co Ministerio de Fomento a través de Renfe, “que teñamos unha ocupación do cen por cen dos nosos balnearios, favorecendo unha oferta innovadora e atractiva desde o punto de vista de ocio e descanso, que se articula desde 40 estacións ferroviarias de España que conectan aos visitantes termais con Ourense”.

En canto ás novas infraestruturas termais, Manuel Baltar falou da piscina termal fluvial de Laias, que entrará proximamente en funcionamento, ou a experiencia de “Viñoterapia”, que se desenvolverá en Leiro co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e explicou que o posicionamento do termalismo ourensán e a promoción da “Marca Ourense” “veranse favorecidos con eventos como a “Vuelta 2016” e coa participación da Deputación de Ourense en Partenalia, a asociación europea dos gobernos locais intermedios, e a entrada na asociación europea de cidades termais e a volta á sección de vilas termais da FEMP, “onde proporemos, como xa anunciei, liderar desde Ourense un gran pacto termal en España, para que o termalismo teña o peso dentro da economía e do turismo que ten noutros países”.

Manuel Baltar tamén destacou a importancia e o peso que os termos “termalismo” e “Deputación de Ourense” teñen no ámbito nacional, “o que se pon de manifesto na presentación que tivo lugar en Madrid do estudo de Turismo Termal en España, patrocinado polo Ministerio de Industria, que foi elaborado por Mario Crecente, redactor do Plan “Ourense, a provincia termal”. Iso tamén posiciona a “marca Ourense” e fai que hoxe esteamos aquí en Lobios avaliando todos estes aspectos salientables para o termalismo en Ourense e renovando o noso compromiso con este sector estratéxico da nosa economía”.

Na reunión tamén interviron a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, quen agradeceu o pulo que se lle está a dar ao termalismo “que permite asentar poboación nos nosos territorios termais aproveitando as potencialidades que temos”, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, destacou o éxito do programa de “Termalismo Deportivo”, que desenvolve a Deputación de Ourense, “que supuxo que as seleccións máis importantes do mundo no ámbito do remo estivesen adestrando na nosa provincia, o que se traduciu en 8.000 estancias no ano 2015; 15.000 estancias este ano 2016, e coa previsión de chegar ás 17.500 estancias en 2017”.

Mario Crecente, o redactor do Plan Termal detallou todas as actuacións que se teñen levado a cabo neste tempo na execución do plan, referidas a infraestruturas novas e de mellora de instalacións, produtos termais, coñecemento e promoción termal.

Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, deu conta do proxecto de cooperación transfronteiriza “Raia Termal”, “que ten como obxectivo potencia e valorizar a cultura balnearia”, e no que se invisten 3,4 millóns de euros para recuperar contornas termais, eliminar puntos de verquidos e potenciar a recuperación de zonas termais publicas, ademais de favorecer a comercialización de produtos termais fronteirizos.

O Alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou a importancia de crear entre Chaves e Verín un corredor paralelo ao xeológico, para que sexa unha ruta sur de balnearios que xere unha nova vía de turismo de alta calidade, potenciando a apertura de novos balnearios, rehabilitando outros e promovendo o “agüismo”.

Finalmente o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o valor económico e social do termalismo, e lembrou que xa están executadas ou completadas 31 das 71 actuacións previstas no Plan Ourense Provincia Termal, máis do 40% do total.

A este respecto, sinalou que a xuntanza de traballo do Consello Termal constitúe un paso máis na consolidación dun sector polo que o Goberno galego vén apostando desde o 2014, e que se materializa no dito plan.

Neste senso, indicou que o Plan Ourense Provincia Termal está dotado cun investimento autonómico de case 6 millóns de euros, dos que a maior parte foron dedicados a crear novas infraestruturas ou a mellorar as xa existentes. Así, o mandatario galego citou como exemplo, a mellora do acceso ao balneario de Lobios e o acondicionamento da ruta do río Caldo, a liña de axudas Q de Calidade Turística, a viñoterapia en Leiro, o balneario de Cortegada, a piscina flotante termal de Laias, o programa “Benestar en Balnearios” ou a ruta da Auga en Verín. “Grazas ao plan estamos dando os pasos necesarios para que Ourense se consolide nesta década como provincia termal de España”, insistiu.
“A nosa aposta polo termalismo ten máis de pragmático que de romántico”, aseverou, ao tempo que reivindicou a función social e ambiental que desempeña esta actividade nas sinalizadas como “vilas termais”. Ademais, subliñou a importancia de traballar para que as seleccións deportivas se preparen nos balnearios galegos. “É unha liña de atracción económica moi importante para o sector e a provincia ourensá está dando pasos para consolidarse neste ámbito”, dixo.
Deste xeito, lembrou que a nosa Comunidade é toda unha potencia nun sector, o do termalismo, que ten a capacidade de xerar 1.400 postos de traballo e un retorno económico de arredor de 60 millóns de euros ao ano. “Con máis dunha vintena de balnearios, Galicia é a primeira comunidade de España en cantidade, pero tamén en calidade”, engadiu.
O responsable autonómico fixo tamén referencia durante a súa intervención aos distintos proxectos e iniciativas que puideron ser desenvolvidos na cidade e no seu entorno grazas ao gran consenso institucional acadado. Entre eles, destacou a creación do Campus Auga e a posta en marcha do Club do Produto Turístico da Auga de Galicia.
E, por último, amosouse convencido de que, a través destas iniciativas e coa colaboración e cooperación institucional entre as diferentes administracións, faremos da provincia de Ourense e de Galicia unha terra máis “próspera e saudable”. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.