Desde hoxe Ourense conta cunha nova imaxe de “marca” que representa a Ourensanía

Asisto está mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, a un acto de presentación da “marca de Ourense”, a cargo do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que foi conducido polo xornalista ourensán Marco Rocha e no que tamén participou Silvia Fraga, directora de Stem Comunicación, deseñadora da campaña.

Manuel Baltar dixo que a “marca Ourense” representa a razón de ser do noso pobo, “un pobo traballador, creativo e emigrante, que é máis que un territorio, porque a Ourensanía non ten límites”, e engadiu que o novo distintivo –que conforma un sorriso coas dúas primeiras letras da palabra Ourense- “reflicte o que supón construír Ourense en positivo, visualiza de forma rápida o concepto de Ourensanía, e reflexa a personalidade de todos os que cremos en Ourense, que cada día somos máis”.

Baltar, quen tivo palabras de agradecemento para Luis González Tosar, “como pai do concepto Ourensanía”, definiu a Ourense como un territorio con historia, potencialidades e atractivos singulares, “proba do cal é o peso que temos acadado en organismo como a FEMP, e Partenalia, a Asociación Europea de Gobernos Locais Intermedios, e que recentemente foi escenario da primeira misión comercial avalada polo Goberno dos Estados Unidos”.

“Ourense ten innumerables razóns para sentir orgullo, e agora temos unha imaxe que nos identifica, un símbolo que é a visualización da provincia na que cremos, unha provincia de futuro, en positivo, que nos últimos anos se ten constituído en referente en ámbitos como o da participación cidadá, a cultura, o deporte, o medio ambiente e a innovación”, concluíu o presidente provincial.

Pola súa banda, Marco Rocha destacou a importancia “de ser e sentirmos ourensáns aló onde esteamos, levando con orgullo a lembranza da terra á que pertencemos”, e Silvia Fraga explicou que o desenvolvemento da imaxe da “marca Ourense” “tiña xa moito camiño andado pois a Ourensanía é algo que xa existe, e como creadores de marca o que fixemos foi darlle forma a ese sentimento”. A creativa comentou que as cores do logotipo (laranxa, azul, morado, verde e branco) “representan a terra, os ríos a auga e o termalismo de Ourense, unidos ao símbolo espiritual e de tradición desta provincia e tamén á natureza e a neve”.

“O importante agora –expresou Silvia Fraga- é que os cidadáns fagan súa esta imaxe e que co tempo se vaia construíndo e fortalecendo, porque a estratexia, a creatividade e a visión son os tres elementos que fan a “marca” dun territorio.

Como reflicte o espazo web no que se resume a nova imaxe da “marca Ourense” (www.ourensania.gal), a Ourensanía é unha forma de vivir e de facer dun pobo, o ourensán. O obxectivo da marca Ourensanía é promover un sentimento de orgullo e pertenza, darlle visibilidade aos seus principios e converterse nunha ferramenta ao servizo das diferentes institucións, entidades, empresas e cidadáns.

Con Silvia Fraga, de Stem Comunicación
A creación da marca de Ourensanía responde á necesidade de promover a imaxe do territorio ourensán a través dos seus valores. A Ourensanía, entendida como unha forma de vivir e facer, constitúe un activo identitario en si mesma no eido socioeconómico e cultural. A marca, polo tanto, pon en valor as propiedades da Ourensanía a través dun distintivo gráfico atractivo e potente. O obxectivo é dotar ás empresas, institucións e cidadáns dunha ferramenta capaz de darlles visibilidade en calquera eido.

Créase, polo tanto, un símbolo a partir do identificativo ourensán (OU) que evoluciona como unha unión/fusión dos elementos que representan á Ourensanía e os seus valores. Unha “O” que suxire un círculo harmonioso no que todos caben, participan, colaboran e cooperan. Nela, a U representa unha aldaba, un chamador, o elemento nas portas á man de todos, a ferramenta que expresa a vontade de entrar, e que ao mesmo tempo adquire a forma da mellor carta de presentación: a dun sorriso (“smiley”) que evidencia simpatía, amabilidade, benvida, apertura e ledicia.

Parabens por esta feliz iniciativa para que desde hoxe Ourense conte cunha nova imaxe de “marca” que representa a Ourensanía, “un distintivo que pon en valor a identidade dun territorio e das súas xentes, e que convida ao futuro con positividade e optimismo, crendo nas potencialidades e singularidades que ten a nosa provincia”. 

Para os representantes políticos un estímulo máis  para traballar arreo a prol dos ourensáns no lugar do mundo onde estén.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.