jueves, 2 de junio de 2016

Rajoy: "Os meus pensamentos e os meus desvelos hoxe son para esas persoas ás que aínda non lles chegou a recuperación"

Esta mañá en Burgos, o presidente do PP e presidente en funcións do Goberno, Mariano Rajoy, referiuse aos datos de paro rexistrado do mes de maio coñecidos esta mañá e que reflicten unha baixada do número de desempregados de 119.768 persoas. "É o mellor mes de maio da historia de España, estamos por baixo dos catro millóns de desempregados, volvemos a cifras do comezo da crise e ademais hai moito máis contratos indefinidos", dixo.

Neste sentido, Rajoy puxo en valor que fai catro anos, en maio do 2012, o paro aumentaba a un ritmo do 12% anual e hoxe, catro anos despois, baixa a un ritmo do 7,7% anual. Así, o presidente popular reiterou que o gran obxectivo nacional para o próximos catro anos, "se se fan ben as cousas", é crear en cada un dos anos ata 2020 medio millón de postos de traballo para que, a finais do 2019 e principios do 2020 haxa en España 20 millóns de españois traballando. "Vimos dunha situación lamentable pero, catro anos despois, estamos nunha situación moito mellor", dixo. 

Rajoy lembrou a todos aqueles españois que aínda non teñen emprego e que "desgraciadamente aínda son demasiados". "Os meus pensamentos e os meus desvelos hoxe son para esas persoas ás que aínda non lles chegou a recuperación", sinalou . "Quero dicirlles que todas as políticas que puxemos en marcha e que seguen aplicándose no noso país non teñen máis obxectivo que conseguir que quen non pode traballar poida facelo no futuro", asegurou . 

Deste xeito, indicou que xa se recuperaron un millón e medio dos empregos destruídos pola crise e "non imos descansar, facendo as cousas con sensatez e sentido común, ata recuperalos todos". Quedan moitas cousas por facer; atópome a metade dunha tarefa que é tan difícil como apaixonante, sobre todo cando un empeza a ver que as decisións que se tomaron empezan a ter resultados",afirmou. 

Doutra banda, referiuse aos datos de afiliación á Seguridade Social, lembrando que fai catro anos perdíanse cotizantes a un ritmo do 3,3% anual e que hoxe o número de cotizantes está a subir un 2,6%. Ademais, desde febreiro do ano 2013, pasamos de 16,1 millóns de afiliados a 17,6 millóns, un dato, ao seu xuízo, "importantísimo" porque coas cotas da Seguridade Social páganse as pensións. 

Mariano Rajoy subliñou outras grandes cifras que avalan o camiño da recuperación emprendido. Desta maneira, España é hoxe en día o país da UE con maior crecemento económico, cun avance do 3,2% no ano 2015 mentres que a media da Unión foi da metade. Ademais, a inflación española é inferior á de Alemaña e á media da eurozona: "Levamos 33 meses cunha inflación menor á de Alemaña e iso é moi importante porque fai que as nosas empresas sexan competitivas e poden exportar: gañamos competitividade e poder adquisitivo". "Somos hoxe uns dos países máis exportadores do mundo e do G-7 só nos supera Alemaña", sinalou.

O presidente do Goberno en funcións asegurou que, se conservamos as mesmas directrices en política económica levadas a cabo ata hoxe, España vai crecer a taxas elevadas, en torno ao 2,5% anual e "quizais, en condicións propicias, por encima desa cifra".