Saliento que hoxe o
Consello deu o visto e prace ao Plan de Incendios Forestais para 2016
(Pladiga), co fin de actuar en todas as frontes necesarias para, en primeiro
lugar, evitar ao máximo posible os lumes e, en segundo lugar, reducir os danos
que se produzan.
O Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda detallou os tres aspectos máis
relevantes do texto. Así, sinalou que se mantén o dispositivo de vixilancia e
extinción do pasado ano. Para esta campaña, o dispositivo estará composto por
5.700 persoas, ao que hai que sumar persoal do Ministerio, do Exército e dos
Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de
7.000 efectivos.
No relativo aos medios materiais, o vicepresidente precisou que
se contará cunha trintena de medios aéreos, entre os propios da Xunta e os que
achega o Estado; e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de
bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.
Así mesmo, Rueda avanzou que se incorporan algunhas adaptacións
necesarias respecto a normativas aprobadas neste eido. A máis importante ten
que ver coa ampliación a 3 anos da duración dos convenios entre Medio Rural e as
entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os
lumes; e, ademais, establécese a creación e regulación da figura das
agrupacións de defensa contra incendios forestais.
Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións
relacionadas co medio rural e o medio forestal e a súa implicación na defensa
contra os incendios.
Do mesmo xeito, está prevista a posta en marcha dun novo sistema dixital de
comunicacións, integrado na rede galega de emerxencias, e a posta en
funcionamento do novo programa informático de xestión integral de incendios en
tempo real.
No tocante á sensibilización, Rueda sinalou que a Xunta afonda
de forma moi intensa nun dos apartados que máis se precisa en materia forestal.
Así, inclúese o compromiso de manter e reforzar os programas de concienciación
actualmente en marcha, especialmente entre as xeracións máis novas.
Neste senso, destacou que a Administración ten un papel
fundamental na loita contra os lumes pero matizou que é imprescindible a
colaboración cidadá. Sobre todo, tendo en conta que o 98% dos montes están en
mans de propietarios particulares.
En definitiva, configúrase o dispositivo contra incendios
plenamente consciente do risco, razón pola que a Xunta actúa en todas as
frontes necesarias: prevención, detección, disuasión e investigación e
extinción, co fin de conseguir diminuír o número de lumes, o seu tamaño e a
superficie afectada.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta