O Parlamento de Galicia aproba solcitar a Fomento que siga impulsando o proxecto de autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada


Onte o Parlamento de Galicia aprobaba unha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, coa abstención tanto do BNG como de AGE, a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento a que continúe impulsando a construción da autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, mantendo o esforzo investidor e traballando para facer realidade esta infraestrutura de modo compatible coa protección do medio ambiente e coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.

A defensa desta iniciativa correspondeu ao deputado barquense do PP, Moisés Blanco que salientou que “a autovía A-76 é unha actuación máis que necesaria desde o punto de vista socioeconómico, e tamén para a vertebración da Galicia interior ao comunicar Valdeorras, Monforte e Ourense, e mesmo coa cidade de Ponferrada e a comarca do Bierzo, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia cara Castela e León, unha vez que a N-120 está superada, sobre todo en determinados tramos complicados, con moitas dificultades para realizar adiantamentos e soportando un tráfico pesado moi importante”, sinalou.

Blanco explicou que neste momento existen dous treitos con proxecto de redacción (A Veiga de Cascallá-O Barco, por un importe de 26,35 millóns de euros; e Requejo-A Veiga de Cascallá, cun custo de 223 millóns de euros) e un terceiro en fase de licitación: Vilamartín de la Abadía-Requejo, cun orzamento de 35,26 millóns de euros. Para o segundo dos subtreitos entre O Barco de Valdeorras-Monforte, os orzamentos do Estado para 2016 contemplan a licitación do proxecto da variante de Monforte

O deputado popular lamentou “a falta de unanimidade no Parlamento na demanda desta autovía”, pero amosou a súa satisfacción “polo cambio de postura de AGE, que pasou de opoñerse a esta infraestrutura viaria nunha recente proposición non de lei tamén debatida neste Parlamento ou noutra disposición no Congreso dos Deputados, a absterse”.

Estábase referindo ao debate que tivo lugar no 13 de abril de 2016 na Comisión de Fomento no que foi aprobada coa única oposición de En Marea-Podemos, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, que tiven a honra de defender, na que se ratificaba o compromiso da Cámara Baixa coa "necesidade de continuar impulsando as actuacións necesarias para que se faga realidade o proxecto de autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada".

Nesa votación, a iniciativa obtivo o respaldo dos 31 deputados de PP, PSOE e Cidadáns, abstivéronse 4 (ERC, DL, Compromís e PNV) e votaron en contra os 8 deputados de En Marea-Podemos.

Xustamente Moisés Blanco exhibía no debate de onte desde o seu escano a fotocopia da páxina do diario La Region, no que o periodista José Cruz daba conta do  citado debate no Congreso dos Deputados.

Celebro moito que as dúas Cámaras parlamentarias, concorden na necesidade de seguir impulsando esta ansiada autovía tan necesaria para a mellora das comunicación centrais entre Galicia e Castela-León. 

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.