Neste día festivo asistín na rúa do Paseo á lectura de poemas do homenaxeado, labor que correspondeu ao alcalde de Ourense, concelleiros, membros do círculo poético ourensán, e outros cidadáns.
Tamén nunha da librerías instaladas, merquei un libro "Antoloxía Poética" de Manuel Maria, selecionada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Paradela. Trátase dunha escolma de arredor duns ointenta poemas, a xuizo deles "os máis fermosos"
Precisamente onte, no acto da RAG en Outeiro de Rei, Cabana diante do auditorio, resaltou a extensa obra que deixou escrita en medio século: medio cento de libros de poemas, 1.800 poemas e 40.000 versos.O académico repasou a súa traxectoria desde Muiñeiro de Brétemas, a obra que o converteu en 1950 no primeiro novo en publicar un libro en galego despois da guerra civil, e Advento, "un dos libros máis fermosos da poesía galega do século XX", ata a poesía de carácter máis persoal e íntimo da última xeira (a partir de 1980) pasando pola etapa na que cultivou a poesía de combate (1966-1979), na que brillou xunto a Celso Emilio Ferreiro.
"Manuel María foi o maior animal poético da nosa literatura nacional. Dende a súadolescencia ata a súa morte non debeu deixar de ser poeta nin un só día da vida. Foi ademais outras moitas cousas: home de ben cunha ética persoal e política intransixente e insubornable, traballador obrigado a gañar a súa vida, militante incansable, narrador, dramaturgo, escritor nos xornais, conferenciante, editor, axitador cultural. Pero poeta foino mesmo mentres durmía. Na súa obra extensísima non faltan momentos de laxitude, como é proverbial que os había en Homero, o que non hai xamais é falsidade. Todas as contas botadas, o núcleo esencial da poesía de Manuel María constitúe un dos grandes petoutos do xa longo cordal da poesía galega moderna", resumiu.
O autor homenaxeado este ano pola RAG, concluíu Cabana, foi, e segue sendo, ademais "o poeta máis popular polo menos dende Curros Enríquez". "Ducias de cancións súas sábese aínda de quen son; outras xa non se sabe, ou xa poucos o lembran, e son cantadas como cousa anónima, de tradición oral. E foi o poeta máis querido porque en moitos deses poemas condenados a ser cancións interpretou coma ninguén o espírito do pobo; por iso e tamén pola súa condición persoal, pola súa bondade persoal. Sabemos moi ben que para ser un gran poeta non fai falla ser boa persoa; pero cando as dúas cousas coinciden como coincidiron no meu mestre Manuel María, velaí onde está realmente o gran milagre do mundo", concluíu emocionado.
https://www.youtube.com/watch?v=yiFji3lTVbQ&feature=youtu.be
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta