Celebrando as boas noticias para o sector naval galego

Fai poucas datas un aspirante a parlamentario autonómico do partido Democracia Ourensana aseguraba en "V Televisión" que non defenderán o naval porque en Ourense non hai mar e aseguraba  que os localismos "deben ser integradores".

Como ourensán e por tanto como galego, teño que rexeitar esas palabras, que son reveladoras dunha notoria  insolidariedade.

Triste sería que un ferrolán deixase de preocuparse polo sector vitivinícola do Ribeiro, simplemente porque en ferrolterrra non hai viñedos, ou que por exemplo un lalinense se desentendera do sector pesqueiro porque no Deza non hai mar. 

Vivimos nun gran espazo común e todos debemos ser solidarios, e alegrarnos dos éxitos dos demaís e lamentar os problemas doutros aínda que pareza que non nos afectan. Sí nos afectan.

Así que me alegro moitísimo das boas noticias que estamos a recibir nas últimas datas sobre o sector naval.

Lembro que o pasado sábado no estaleiro vigués "Freire" tiña lugar a cerimonia de bautizo, botadura e lanzamento do Buque de Investigación Oceanográfica con capacidade polar B.A.P. Carrasco para a Mariña de Guerra do Perú. Un buque que foi adquirido por case 100 millóns de euros,  deseñado para navegar en augas con fortes correntes e con gran presenza de xeo e que explorará ás augas peruanas e ás da Antártida.
Dicía ese día o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que a evolución do naval galego nos últimos dous anos permitiu pasar dun sector que zozobraba a un que navega a velocidade de cruceiro. 

“En catro anos fomos capaces de pasar dun sector paralizado e ao que se miraba con preocupación, a un sector en pleno dinamismo e cuxo futuro se contempla con ilusión”, dixo, incidindo en que a profesionalidade dos estaleiros e dos seus traballadores, xunto coa implicación da Xunta, sementaron unha imaxe de prestixio e solvencia do sector que axudan a recoller os froitos.

E hoxe mesmo coñeciamos que tivo lugar unha reunión de Feijóo co presidente de Navantia, José Manuel Revuelta, relativa a a adxudicación a Navantia Ferrol do contrato para a construción de dous BAC , que supón un volume de investimento de 500 millóns de euros, unha carga de traballo con picos de ata 3.000 traballadores; e tres millóns de horas de ocupación, que se traducen en catro anos de traballo para Ferrol.

Unhas cifras que  aínda poden crecer máis se se confirman os contratos de mantemento posteriores á fabricación, Feijóo precisou que, neste momento, a carteira de pedidos de Navantia en Ferrol están en preto de 600 millóns de euros “que, unidos a estes 500 millóns supón que, por fin, se conseguiron contratos en vigor por máis de 1.000 millóns de euros”. “É dicir, 1.000 millóns de euros que imos entregar de forma inmediata este mesmo ano e que inclúen o flotel de Pemex, o Buque de Acción Marítima, os proxectos de eólica offshore Wikinger e Hywind, e parte dos catro petroleiros de Ondimar”, salientou, engadindo que o estaleiro está tamén esperando a decisión das autoridades de Arabia Saudita, así como a evolución doutros proxectos.

“Dentro do próximo trimestre botaranse os dous floteles de Pemex –tanto o de Barreras como o de Navantia- e esta cifra que acabo de dar, os 2.200 millóns de euros, non inclúe o BAM de Navantia, os recentes encargos de Cardama e os dous BAC. Así que estamos a falar de 19 buques na carteira de pedidos”, abundou.
Así mesmo, Feijóo referiuse ao dato do IPI como outro elemento que certifica e avala a boa marcha do naval galego. Non en van, resaltou que o IPI naval creceu no primeiro trimestre deste ano máis dun 11%.
Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego de traballar a prol do naval, mellorando a competitividade e a innovación. E, para acadar este obxectivo, o responsable da Administración autonómica referiuse ao impulso das tres unidades mixtas de investigación no naval, ligadas aos novos procesos industriais; e á posta en marcha do convenio con Aclunaga e Aimen para o impulso do Naval 4.0.

Parabens aos traballadores dos estaleiros de Ferrol e Vigo, e en xeral a todos os galegos. Que sigan as boas novas!



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.