martes, 16 de febrero de 2016

Sobre a mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle

Destaco nesta entrada, a firma a finais do pasado mes dun Protocolo de colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) co Concello de Ourense, para o financiamento e execución das obras de "Mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle"

Unha actuación na que se estima un investimento total de 3 millóns de euros, que serán asumidos ao 50% por ambas as institucións.

A CHMS encargarase da redacción do proxecto, das expropiacións -coas correspondentes xestións administrativas para os terreos, bens e dereitos necesarios, non sendo os de titularidade municipal, que lle serán cedidos- e da obra, dirección e vixilancia da mesma. Igualmente, licitará, adxudicará e xestionará os contratos de obra e servizos.

O Concello, pola súa banda, recibirá a obra de man da CHMS e farase cargo da súa xestión, explotación (directa ou indirecta), mantemento e conservación como única responsable de infraestrutura.

A rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense. Posúe 4 fosas sépticas cuxo funcionamento é deficiente e provoca recorrentes verteduras ao río Miño e, por tanto, afecta á toma de auga potable da marxe esquerda. O acceso a estas fosas é complicado e, por tanto, o seu mantemento tamén o é.

Estudaranse dúas alternativas de solución, por unha banda, incorporar estas augas á rede de saneamento xeral, e por outra, a execución dunha infraestrutura de depuración de augas residuais que dea cobertura para 600-1000 habitantes equivalentes do núcleo de Velle. O organismo de conca será o encargado de redactar o proxecto coa alternativa máis vantaxosa.

O Concello asume as competencias sobre medio ambiente urbano e tratamento de augas residuais, mentres que á CHMS correspóndelle a administración e vixilancia do dominio público hidráulico.

As miñas felicitacións ao alcalde, Jesús Vázquez e a Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica por apostar por esta  decidida colaboración en beneficio dos veciños desta parroquia.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta