Sobre a Tarxeta Benvida, dentro do Programa de Apoio á Natalidade da Xunta de Galicia

Salientar que hoxe tralo Consello da Xunta o presidente, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta inicia o deseño do Plan de Apoio á Natalidade coa Tarxeta Benvida, que achegará 100 euros ao mes para os nenos e nenas que nazan a partir do 1 de xaneiro de 2016.

Sinalou que, trátase dunha tarxeta coa que as nais e os pais galegos poderán costear parte dos gastos que ten un bebé nos seus primeiros momentos de vida. Neste senso, quixo destacar tres aspectos fundamentais.
Por unha banda, puxo en valor a axilidade coa que se ten desenvolvido o proceso de preparación desta tarxeta, que ten unha complexidade administrativa importante. Con respecto a isto, recoñeceu que, pese a iso, todo está listo para que o próximo 30 de decembro o Diario Oficial de Galicia publique a orde correspondente, é dicir, para que os pais poidan solicitar a axuda desde o mesmo 1 de xaneiro do ano que vén.
En segundo lugar, subliñou que se teña chegado a un plantexamento máis ambicioso que o que se barallara inicialmente, para poder chegar a máis familias e para chegar a todos os tipos de familias: máis familias porque o 85% das familias recibirán esa tarxeta benvida e máis tipos de familias porque os límites de renda fixados facilita que se teña en conta, por exemplo, a familias monoparentais ou familias numerosas.
Con respecto a isto, o conselleiro de Política Social engadiu que o obxectivo do Goberno é que a Tarxeta Benvida chegue a 8 de cada 10 familias e que terá un financiamento plurianual de 18 millóns de euros. A este respecto apuntou que o importe total desta axuda supón o 10% dos recursos económicos que en 2016 a Consellería de Política Social destinará a este ámbito.
En terceiro lugar, Feijóo destacou o aspecto cualitativo da tarxeta benvida, que cubrirá todos os gastos fundamentais que supón o nacemento dunha filla ou dun fillo. É dicir, gastos de alimentación, gastos de hixiene e gastos en produtos farmacéuticos, xa que a tarxeta poderá canxearse tanto en supermercados e tendas de alimentación como farmacias e parafarmacias.
Programa de Apoio á Natalidade (PAN)


Segundo recalcou Feijóo, a Tarxeta Benvida nin é a primeira medida que adoptamos nin tampouco será a última neste eido, xa que se enmarca no seo do Programa de Apoio á Natalidade, que tamén hoxe se deseñou a grosso modo no Consello, a través da fixación de tres obxectivos básicos: que Galicia sexa un lugar que ofreza axudas para afrontar os gastos que supón o nacemento dun fillo; que sexa un lugar que apoie a conciliación da vida familiar e laboral, como se acadará co bono–gardería ou o bono-coidador; e o obxectivo de que Galicia sexa un lugar que garanta os servizos públicos, tanto sociais como sanitarios, que máis precisan as nenas e os nenos, como se logra, por exemplo, facendo que sexa a comunidade coas vacinas infantís máis accesibles de toda España. 

Pola súa conta, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela salientou que a través do Programa de Apoio á Natalidade e da Tarxeta Benvida “aspiramos a que Galicia sexa un lugar mellor para vivir e para formar unha familia”. “Pretendemos ser unha Administración máis sensible ás necesidades das familias”, abondou.



Na liña do que avanzou o presidente da Xunta, o conselleiro recalcou que o Programa de Apoio á Natalidade está composto por tres eixos fundamentais que son as axudas directas ou PAN-Axudas, os programas de conciliación ou PAN-Concilia e os servizos ou PAN-Servizos. 
Todas estas medidas, dixo Rey Varela, teñen por finalidade “facer de Galicia un lugar mellor para ter fillos pero, sobre todo, o mellor lugar posible para ser neno ou nena”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.