Salientar a bona nova de que onte o Diario Oficial de Galicia (DOG)
publicaba a licitación das obras de
reparación da Ponte do Milenio, en Ourense, cun investimento de preto de
585.000 euros.
Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta e o Concello de
Ourense , representadas pola conselleira de infraestruturas e vivenda Ethel Vázquez e o alcalde Jesús Vázquez, asinaban o convenio de colaboración para acondicionar esta
infraestrutura e formalizar a súa entrega á Administración local, o que
clarexará definitivamente as dúbidas ao respecto da titularidade da ponte.
As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)
consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección
anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos
cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a
impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar
humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de
rodadura.
En relación coas accións de conservación, retiraranse a
vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe
próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas
accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo
todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema
eléctrico.
Estas accións poñerán de novo a punto e devolverán toda a
funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista
da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión
panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense
convertido nun elemento representativo da cidade.
Características da
ponte:
A Ponte do Milenio sobre o río Miño é unha infraestrutura
atirantada de 275 metros de lonxitude que se distribúen en catro vaos. Forma
parte dunha estrutura viaria que conecta no seu extremo norte coa estrada
nacional N-525 e no seu extremo sur coa rúa Pardo de Cela, de titularidade
municipal.
A ponte construíuse entre 1999 e 2001 co obxectivo de pechar ao
tráfico rodado a ponte romana de Ourense, que soportaba un volume de tráfico
que poñía en perigo a súa conservación. A súa función principal é servir de
cruzamento do río Miño para comunicar ambas as marxes da cidade de Ourense, e é
unha infraestrutura estratéxica para a cidade.
A singularidade da estrutura radica na pasarela peonil de formas
curvas que rodea a parte superior dos pilonos e descende sobre o río Miño uns 6
metros por debaixo da rasante. Este é un grande atractivo turístico por ofrecer
unha visión panorámica da cidade de Ourense.
Non podo máis que alegrarme por o avance na realización desta obra que deixará este emblema de Ourense en perfecto estado.
Unha mostra máis dos beneficios que reporta a colaboración entre as administracións.
Recibirá resposta