O Tribunal Xeral da UE anula a decisión de Bruxelas de declarar ilegal o tax lease español

Esta mañá coñecemos que o Tribunal Xeral da UE fallou en contra da Comisión Europea e a favor dos recursos que foron presentados polo Reino de España, por PYMAR - a sociedade que agrupa aos principais estaleiros privados españois-  e LICO.
A sentenza anula a decisión da Comisión Europea do 17 de xullo de 2013, que foi o resultado dun procedemento iniciado en xuño de 2011 e que afectaba a 273 transaccións por un valor total de 8.727.997.332 euros, o cal culminou considerando axuda de estado incompatible co mercado interior ao antigo sistema de “tax lease” aplicado en España entre os anos 2007 e 2011.
O Tribunal determina que o denominado sistema español de arrendamento fiscal non constituía axuda de estado, tal e como defenderon o Reino de España e PYMAR desde un primeiro momento. Concretamente, o Tribunal considera que este sistema non ten carácter selectivo, xa que todos os contribuíntes en España que desenvolvesen unha actividade económica e investisen neste tipo de operacións podían resultar beneficiarios do sistema.

Como consecuencia desta sentenza, quedará anulada igualmente a orde de recuperación das supostas axudas concedidas a través do referido sistema, proceso que o Ministerio de Facenda e Administración Públicas xa iniciara por petición dos servizos de competencia da Comisión Europea. A sentenza condena así mesmo en costas á CE.

A apertura do expediente de investigación produciuse nun duro contexto de crise económica, baixo o mandato do entón Comisario de Competencia e Vicepresidente da Comisión Europea, Joaquín Almunia. Supuxo a inmediata paralización de pedidos de novas construcións en España e levou unha drástica freada na actividade para todo o sector, cuns efectos devastadores para a industria naval.

A competencia dos estaleiros privados españois, fundamentalmente os estaleiros holandeses, artífices e asinantes das denuncias que provocaron o inicio do procedemento de investigación por parte da Comisión, viron incrementarse vertiginosamente a súa carteira de pedidos, alcanzando un nivel de contratación sen precedentes que en 2013 foi un 80% superior ao de 2010. Este transvasamento de pedidos que se produciu desde España a Holanda, materializouse especialmente na carteira de buques offshore. Segundo información publicada por Clarksons, España pasou de contar con 27 unidades en carteira en 2010 a tan só 8 en 2014, mentres que Holanda disparou a súa carteira entre eses mesmo anos, de 7 en 2010 a 55 en 2014.

Quero expresar a miña enorme satisfacción con esta sentenza que vén darnos a razón nunha cuestión que defendemos con moita forza desde Galicia.

Lembrar que o 2 de xullo de 2013 os deputados do PP de Galicia no Congreso promovimos a redacción dunha Proposición non de Lei, que finalmente foi subscrita por todos os grupos parlamentarios e que foi aprobada por unanimidade na Comisión de Industria do Congreso convocada para o día 16 de xullo. Debate no que polo PP interveu a miña compañeira deputada Tristana Moraleja.

Naquela comparecencia conxunta que fixemos o citado 2 de xullo os representantes dos Grupos Parlamentarios, destaquei que a intención desa PNL non era outra que se visualizizase o forte respaldo do Congreso ao Goberno de España no seu labor de oposición á decisión de ter que devolver as axudas. "Hoxe sumamos, desde o Congreso, esta forte petición conxunta de todos. Están afectados 87.000 empregos, fundamentalmente no País Vasco, Galicia, e Asturias, pero tamén a Cantabria, Baleares e Canarias, e por iso nós pedimos encarecidamente que se tome unha decisión que sexa correcta e que non se mande ao paro a 87.000 persoas que non o merecen", dixen.

Comparecencia conxunta 2.7.2013
Insistín en que existía risco de que se perderan miles de empregos no sector naval e cualifiquei a proposta do comisario Almunia de "inxustificada", xa que, "os nosos estaleiros, os nosos armadores, os nosos financiadores actuaron ao amparo dun sistema que entendiamos e entendemos hoxe que se axustaba á normativa legal vixente", e asegurei que "debe prevalecer o principio de seguridade xurídica e de confianza, polo que entendemos que estamos aínda a tempo de que a Comisión recapacite e reconsidere".

Lamentablemente atopamos a incomprensión do comisario Almunia o que implicou a imposibilidade de empregar, durante dous anos e medio, este sistema de bonificación, coa conseguinte perda de competitividade.

 Agora, máis de dous anos despois a sentencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que anula a decisión de Bruxelas de declarar ilegal o tax lease español, constata que o sector tiña razón ao tempo que reforza a confianza internacional nun sistema que xa está plenamente operativo. Agora, a industria naval atópase nunha situación completamente distinta, contando xa cun novo sistema para contratar barcos.

Por fin fíxose xustiza.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.