Salientar que onte foi aprobado por parte do Consello da
Xunta de Galicia un decreto que establece o complemento extraordinario de 206 euros para
os perceptores de pensións non contributivas da Seguridade Social. A axuda
chegará a máis de 42.000 persoas perceptoras de pensións non contributivas, do
Fondo de Asistencia Social e do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimo.
Segundo explicou o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo trátase dun complemento que só manteñen tres Comunidades Autónomas
e que suporá un investimento por parte da Administración galega de 8,7 millóns
de euros.
Ademais, tal e como sinalou, esta axuda ingresarase de
oficio, sen necesidade de efectuar solicitudes ou levar a cabo ningún trámite
adicional e será aboada nun pagamento único nos primeiros dez días de xaneiro.
A este respecto, Feijóo lembrou que
no vindeiro ano 2016 o Goberno galego seguirá a apostar por medidas de apoio ás
persoas e familias con menos recursos, o que se verá reflectido nas partidas
económicas destinadas ao ámbito da inclusión social. Este presuposto aumentará
en máis dun 24% superando os 86 millóns de euros.
Así, tal e como sinalou, poderase dar cobertura a
iniciativas como a Risga, que aumentará nun 10% con respecto ao actual
exercicio, e ao Plan Social contra Desigualdade Económica, que contará cunha
dotación de máis de 20 millóns. Este último incluirá o tique eléctrico e o
programa Reconduce para familias en risco de perder a vivenda.
Recibirá resposta