Rematada a xuntanza política a que facía referencia
na entrada anterior acudimos acompañando ao presidente Feijóo a San Domingos de Bonaval onde estaba
instalaba a capela ardente de Xosé Neira Vilas, falecido onte en Gres, no
concello de Vila de Cruces, onde naceu o 2 de novembro de 1928.
Era membro numerario da Real Academia Galega e Doutor honoris
causa polas universidades da Coruña e da Habana, Neira Vilas mantivo unha
intensa actividade cultural e intelectual ata o seu pasamento.
Tiven a oportunidade de velo por última vez en Compostela con
ocasión da entrega da Medalla de Ouro de Galicia, o pasado 24 de xullo.
Naquel acto o presidente da Xunta, loubando a figura de Neira Vilas
dixo estas verbas que reproduzo:
“Hoxe podemos dicir que Galicia está
esperta porque aqueles que como Xosé Neira Vilas cruzaron o Océano levaron ás
costas algo máis que a amargura da emigración e algo máis que unha simple
maleta. Aqueles fillos que se foron cargaron tamén coa nosa memoria e, dalgunha
maneira, convertéronse nos pais que a protexeron.
Foron moitos os que custodiaron Galicia e moitas as maneiras en
que o conseguiron. O noso escritor de Gres fíxoo a través da literatura.
Ninguén sabería de onde vimos, ninguén entendería de todo o que somos, sen
repasar a obra de Neira Vilas. É un manual para comprender Galicia. E para
querela. Non só pola pureza e a sinxeleza da súa palabra, senón sobre todo
porque nunca lle agradeceremos o suficiente que rescatase a Balbino para nós
desa aldea na que case todos nos recoñecemos.
A gran maioría recordamos sobre todo aquel rapaz por ser ‘coma quen dis, un
ninguén’. Ese carácter tan pouco pretensioso é seguramente un dos trazos nos
que os galegos máis nos vemos reflectidos, pero sería inxusto pensar que é o
único que compartimos con el. Así que, démoslle a palabra un momento: ‘Hai quen
di que todo o que nos acontece está sinalado de antemán. Que andamos por camiños
mallados. Cadaquén vai polo seu, queira que non, coma se o levase un anxo ou
unha meiga. Eu non creo tal cousa’.
Aínda que seguramente nin sequera soñase coa Galicia de hoxe,
Balbino –xa o oíron-- non cre no destino, e os galegos tampouco.
Por iso, non é o azar, senón a suma de moitos ‘ninguéns’ a que
lle permitiu ao noso país erguerse e espertar. Somos herdeiros dunha terra
moitas veces ingrata, pero que entre todos soubemos transformar.”
O meu respeto por este galego
exemplar.