Nos actos conmemorativos da festa do patrón de Ourense, San Martiño


Onte 11 de novembro, celebramos en Ourense a  festa do noso patrón San Martiño.

Acudín pola mañá á Catedral para asistir á Santa Misa, presidida polo bispo da Diócese, D. Leonardo Lemos, na que o alcalde Jesús Vázquez realizou a ofrenda, de gran contido social, na  que houbo referencias ás familias, aos maiores, aos mozos desempregados, aos refuxiados e vítimas de países en guerra en todo o mundo. Tamén ás persecucións aos irmáns sirios ou caldeos, tamén católicos e doutras familias cristiás, así como ao pobo musulmán ou xudeu, a mans das interpretacións radicais e extremas.

Despois asistín no Teatro Principal de Ourense ao  acto de entrega do Premio Ourensania 2015 que recibiu Mariluz Barreiros, filla de Eduardo Barreiros, promotora e presidenta da Fundación "Eduardo Barreiros", entidade dedicada á perpetuación da memoria do impulsor da industria do automóbil na España de mediados do século XX.

A premiada fixo no seu discurso un percorrido pola vida persoal e empresarial de Eduardo Barreiros, lembrando sempre o seu amor por esta terra, "o que fixo patente en 1952 cando abriu a súa primeira nave industrial en Madrid e lle puxo o nome de "Galicia industrial", e cando 15 anos despois, en 1967, as súas instalacións ocupaban máis de dous millóns de metros cadrados, dando emprego a 25.000 persoas e exportando os seus produtos a 27 países, sempre sen esquecer a súa orixe do rural ourensán, onde foi revisor de autobús, mecánico e condutor antes de ser empresario", explicou a premiada.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar destacou no discurso falou de "territorio, poboación e identidade", características do pobo ourensán, que personificou na figura dos afiadores, orixinarios na súa maioría de Nogueira de Ramuín, "berce dun dos nosos sinais de identidade", unhas características coas que tamén definiu a Mariluz Barreiros, a quen deu os parabéns polo premio e a quen definiu como "embaixadora de Ourense polo mundo, cunha especial querencia por esa Ribeira Sacra para a que estamos traballando pola súa catalogación como Patrimonio Mundial pola UNESCO".

Baltar afirmou que o xurado do Premio Ourensanía "acertou plenamente distinguindo a Mariluz Barreiros nun ano de moita importancia para Ourense no eido da empresa e do emprendemento, porque se cumpren 50 anos de vida do Polígono Empresarial de San Cibrao das Viñas, verdadeiro pulmón económico da provincia e a gran concentración industrial de Galicia, con máis de 8.000 traballadores e máis de 320 empresas. Un polígono onde ivo tanto que ver o gran Eduardo Barreiros". Asemade, cualificou a Mariluz Barreiros como unha muller "decidida, valente e con personalidade definida", que conseguiu manter por medio da Fundación Eduardo Barreiros a memoria viva dun dos persoeiros máis importantes da España e da Europa do século XX".


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.