martes, 10 de noviembre de 2015

Coa reforma da Xunta do IRPF os contribuintes con ingresos inferiores a 12.450 € pagaran un 5% menos respecto a 2011

Hoxe no Parlamento de Galicia tivo lugar o debate de totalidade do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta.

Nel, o voceiro do GPP Pedro Puy sinalou que “no fondo, esta lei de medidas fiscais e administrativas afianza o crecemento previsto do 2,5 por cento do PIB, hai un  incremento dos beneficios fiscais de contido social de máis de 350 millóns de euros e introduce unha política fiscal de redución de impostos por importe de 140 millóns de euros”, concretou.

Salientou o “equilibrio razoable que o actual Goberno galego ten conseguido na política de reforma fiscal, nos termos de eficiencia, equidade e crecemento económico”, xa que manifestou que “un orzamento que deixa máis recursos en mans dos cidadáns e ao mesmo tempo impulsa ao gasto é expansivo, que é o que necesita a economía galega nestes momentos para afianzar a senda do crecemento”. 

Centrándose nas medidas fiscais, o portavoz popular indicou que a nova tarifa do imposto sobre a renda “é enormemente máis progresiva en relación ao que había cando gobernaba a esquerda en 2011”. Para xustificar esta afirmación, Puy salientou que con esta reforma progresiva “pagan menos os que menos teñen e máis os que máis ganan”.

Así mesmo, Puy salientou que o Grupo Popular e o BNG “coinciden na contribución do 80 por cento dos contribuíntes de Galicia, porque ata os 20.200 euros presentan a mesmo tipo de imposto”. Porén, a proposta de AGE “quere subir aínda máis os impostos a estes contribuíntes”, polo que indicou a este grupo parlamentario que “leccións de solidariedade, de progresividade e de redistribución da renda á política fiscal do PP moi poucas”. 

O portavoz popular tamén se referiu á reforma do imposto de sucesións e salientou “a interesante operación de equilibrio realizada polo  Goberno galego, porque seguen tributando os que reciben por herdanza máis de 400.000 euros e reforza o seu carácter de incentivo social que fomenta o aforro e incentiva a transmisión entre pais e fillos”.

Respecto da práctica exención do imposto de transmisións no rural, Pedro Puy afirmou que “ten unha finalidade económica de mobilización de terras, gañar competitividade e que non haxa custos fiscais adicionais para aqueles agricultores e gandeiros que desexan ganar tamaño para facer máis rendibles as súas explotacións”.