Hoxe o diario "La Voz de Galicia" publica este artígo do que son autor que transcribo a continuación:
"Estabilidade,
emprego, confianza"
" A décima lexislatura foi, sen dúbida, a máis
intensa que coñecín, a que máis retos presentaba. Non podemos esquecer que
España, cando no 2011 os socialistas deixaron o Goberno, era un país no que en
catro anos destruíranse 177.000 empresas e un total de 3.514.100 españois
perderan o seu emprego.
O PP atopouse cun monumental déficit encuberto nas
contas, uns ingresos fiscais esborrallados e un risco certo de quebra. Tivemos
que afrontar unha loita diaria contra os que nos empuxaban para que pedísemos o
rescate; algúns alegremente falaban mesmo de saír do euro. Hoxe sabemos que
evitalo foi a medida social de máis importancia que adoptou este Goberno,
grazas á firmeza e a serenidade de Rajoy.
Tivemos que aprobar medidas difíciles e impopulares e ao
mesmo tempo facer o maior número de reformas estruturais da nosa historia
recente. E fixémolo.
E porque fixemos todo iso, o balance é hoxe que
sobrevivimos á crise conservando o Estado do benestar, sen abandonar a ningún
cidadán.
Non sacrificamos as pensións: garantiuse que non se
poidan conxelar ou reducir, subíronse todos os anos. Tamén cobraron
puntualmente as súas prestacións os desempregados e regularizouse a débeda de
75.000 millóns que as Administracións Públicas mantiñan cos provedores dos
servizos públicos esenciais, como a sanidade e a dependencia.
Con gran esforzo e sacrificios deixamos atrás a recesión
máis aguda da historia recente e hoxe estamos a vivir o maior crecemento dos
países da zona euro.
Este 2015 non se parece en nada ao 2011. En España hai
hoxe 436.500 parados menos que ao comezo da lexislatura. Pasamos dunha
destrución de 1.430 empregos diarios no 2011 á creación de 1.492 empregos
diarios no 2015 e no último ano conseguimos o 85 % do emprego xuvenil creado na
UE.
Foi unha lexislatura dura. Todos sentimos o desgarro da
vergoña da corrupción, pero sentamos as bases para pór coto aos que a
practican. Por primeira vez, España conta cunha lei reguladora do exercicio do
alto cargo, cunha nova regulación da actividade dos partidos, cun Código Penal
máis duro cos corruptos e cunha nova regulación do comiso que amplía a
persecución a todo o patrimonio dos condenados.
E, como galego, síntome moi orgulloso do balance desta
lexislatura para a nosa comunidade autónoma. A pesar das restricións
orzamentarias, Galicia recibiu entre o 2012 e o 2015 un total de 5.753 millóns
de investimento do Estado, o que representa case o 13 % do total rexionalizado,
destacando o do ministerio que dirixe Ana Pastor, que está a servir para
garantir as infraestruturas de vertebración territorial que durante anos
reclamamos por ser de xustiza para a nosa comunidade.
Estabilidade, emprego, crecemento e confianza son os
eixos que poñen de manifesto o éxito do esforzo realizado polos españois.
Reverter as reformas e desfacer o camiño andado supoñen os principais riscos.
Necesitamos crear máis de medio millón de empregos e chegar a uns vinte millóns
de ocupados no 2020. A tarefa non está completa, pero, grazas ao feito, hoxe
estamos en condicións excelentes para afrontala."
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2015/11/01/estabilidade-emprego-confianza/0003_201511G1P21991.htm
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta