jueves, 29 de octubre de 2015

Sobre a redacción dos proxectos da autovía A-76

Hoxe o diario La Región publica unha información do xornalista José Cruz, que titula  “O terceiro proxecto da autovía A-76 sairá a licitación en 2015” que polo seu interese transcribo a continuación:

“A redacción do proxecto dun novo tramo, o terceiro, da autovía A-76 sairá a licitación antes de que acabe o ano. Confirmouno onte o deputado popular ourensán Celso Delgado Arce. Afecta o límite entre as provincias de León e Ourense e enlazará Requejo coa Veiga de Cascallá (Rubiá). A súa redacción foi priorizada por alcaldes e empresarios de Valdeorras, Lemos e o Bierzo ao ser unha alternativa á N-120, a principal vía de comunicación que teñen á súa disposición os habitantes das tres comarcas. A difícil orografía da zona e os problemas de conservación existentes nos tres túneles: Covas, O Estreito e A Barosa, fan temer que se produzan novos cortes temporais do tráfico, similares ao rexistrado entre setembro e decembro de 2012. "O tramo fronteirizo estará para licitar antes de fin de ano", comentou Delgado Arce.

O presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Javier Rodríguez Paradelo, comentou que os primeiros proxectos deberían estar finalizados a mediados de 2016. Tamén dixo estar á espera de que se cumpran os prazos que anunciou o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niñoo González, na reunión de febreiro de 2015. Mentres esa data non chegan, o colectivo segue de preto todo o que rodea á infraestrutura que comunicará Ponferrada con Ourense.

O seguimento dos trámites permitiu a Javier Rodríguez anunciar a inclusión de novas partidas para redactar os dous proxectos xa iniciados no Proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2016, un anuncio que confirmou Celso Delgado.

Segundo o deputado e presidente da Comisión de Fomento do Congreso, o Ministerio destinou á redacción de proxectos 1.265.360 euros dos Orzamentos Xerais do Estado para 2016. A citada suma supera nun 40 % aos 906.870 de 2015, repartíndose entre as tres provincias afectadas pola futura autovía: Ourense (401.530 euros), León (563.830) e Lugo (300.000).

O proxecto do tramo que comunica Requejo (León) coa Veiga de Cascalla (Rubiá), que será licitado nas próximas semanas, é o que recibe un maior investimento: 500.000 euros. Unha partida de 300.000 corresponde ao trazado leonés, pertencendo os 200.000 restantes ao de Valdeorras. Á súa vez, as cantidades destinadas en 2015 foron 90.000 e 60.000 euros, respectivamente.

Outro proxecto que comezará a redactarse, este durante 2016, é o da circunvalación de Monforte de Lemos (Lugo). Nestes traballos, os Orzamentos estatais invisten 300.000 euros.

O Ministerio de Fomento tamén continuará investindo na elaboración dos proxectos dos dous tramos xa iniciados: Villamartín da Abadía-Requejo, en León, e A Veiga de Cascallá-O Barco. Con lonxitudes de 7,6 e 8,4 quilómetros e orzamentos de execución de 35 e 26 millóns de euros, respectivamente, en 2015 recibiron senllas partidas de 453.200 e 303.670 euros para a confección dos proxectos. A estas cantidades haberá que sumar os 263.830 e 201.530 euros previstos para o próximo exercicio.

A redacción dos proxectos comezou no mes de decembro de 2014. O Ministerio de Fomento encomendou os primeiros traballos á empresa pública Ineco."


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta