miércoles, 28 de octubre de 2015

Sobre as políticas de natalidade e vivenda da Xunta de Galicia

Destaco do Pleno do Parlamento de Galicia celebrado hoxe as respostas dadas na sesión de control polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientando que Galicia é a Comunidade Autónoma coas deducións fiscais máis altas de España para favorecer a natalidade; é dicir, para as familias que contan con nenos e nenas de entre 1 e 3 anos. Segundo dixo, o Goberno galego está plenamente comprometido coas familias que queren ter fillos para que Galicia sexa “o lugar máis doado para ter fillos, tanto desde o punto de vista fiscal, como desde o punto de vista da axuda directa e dos servizos públicos”.

Feijóo subliñou o compromiso do Goberno galego coas políticas de natalidade; con medidas como a posta en marcha do bono de gardería, o coidador no rural ou a tarxeta familiar. Ademais, destacou que se incrementaron nun 71% as prazas en escolas infantís públicas e se activaron axudas para o transporte público ou a vivenda para as familias que máis o precisan.
O presidente sinalou de igual modo, que o plan demográfico presentado pola Xunta leva executado o 61% das propostas, e que Galicia está actualmente a liderar o foro das Comunidades Autónomas españolas polo desafío demográfico, no que participan Asturias, Extremadura, Castilla y León, Castilla- La Mancha e Aragón. Tamén, indicou que estamos a traballar xunto coas rexións da UE, para que a nivel europeo os fondos europeos teñan en conta os problemas demográficos.
Por outra banda, o presidente da Xunta subliñou que a consellería na que máis se incrementa o presuposto, en termos relativos, neste 2016 é a de Sanidade, o que demostra que a Xunta volve poñer a sanidade pública non só como primeiro obxectivo de goberno senón tamén como obxectivo prioritario de gasto público en Galicia.
Tamén quero resaltar a intervención nese Pleno da conselleira de Infraestruturas e Vivenda Ethel Vázquez destacando que Xunta incrementará nun 40% as axudas á vivenda o vindeiro ano.

Indicou que o Instituto Galego da Vivenda e o Solo é o departamento que máis incrementa o seu volume de gasto, concretamente un 19,9%, xa que o Goberno galego está a traballar en desenvolver programas propios para garantir unha vivenda aos cidadáns, sexa en réxime de alugueiro ou de propiedade; e en mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas xa existentes, a través das axudas de rehabilitación.
A conselleira explicou que a Xunta decidiu plasmar esta aposta e compromiso no Plan rehaVita, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Trátase do primeiro plan autonómico de vivenda, que beneficiará a máis de 152.000 cidadáns galegos e suporá un investimento de 600 millóns de euros dos que a Xunta achega máis da metade.
Ethel Vázquez adiantou que o orzamento do próximo ano en materia de vivenda servirá para afianzar o programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, que garante unha vivenda a todos os afectados que o soliciten e que cumpran os requisitos. Engadiu que tamén contribuirá a evitar os desafiuzamentos por impago do alugueiro a través do Bono de Aluger Social: a convocatoria de 2015 prevía axudas por importe máximo de 1,02 millóns de euros, mentres o orzamento para 2016 prevé unha convocatoria por 1,5 millóns, un incremento de máis do 47 %.
Vázquez indicou que a Xunta poderá seguir paralizando desafiuzamentos grazas aos convenios asinados coas entidades financeiras, entre eles a maior entidade financeira de galicia, que se teñen comprometido a non botar da súa casa a aquelas familias que non poidan pagar por causas económicas.
O IGVS porá a disposición de administracións públicas ou entidades sen ánimo de lucro que leven a cabo actividades de carácter social, para que as xestionen en réxime de arrendamento ou outras formas de ocupación, destinadas a atender a persoas que requiren unha especial atención.
Ademais, no vindeiro ano, o orzamento para rehabilitación incrementase en máis dun 54%, incluíndo unha partida de 23,6 millóns de euros. Mantéñense as Áreas de Rehabilitación Integral, uns convenios, que onte mesmo asinaron Ministerio, Xunta e 38 concellos beneficiarios e que van permitir investir máis de 36 millóns de euros e contribuír á rehabilitación de case 2.000 vivendas, entre elas, as situadas nos concellos da área de rehabilitación integral do Camiño de Santiago.
A conselleira tamén abordou a subsidiación dos préstamos hipotecarios, dos que precisou que son axudas creadas, financiadas e suprimidas polo Estado.
Vázquez manifestou que a Xunta defendeu os intereses dos beneficiarios e xestionou a axuda e a solución con absoluta dilixencia seguindo a lexislación correspondente. Concretou que o problema derivaba dun criterio interpretativo do Ministerio de Fomento que suprimía a posibilidade de solicitar prórrogas na subsidiación dos préstamos de vivendas protexidas de planes anteriores ao 2009-2012.
Ante esta situación, levouse a cabo unha proposición non de lei para instar a modificar ese criterio e remitíuselle un escrito á ministra de Fomento trasladándolle a preocupación. En agosto de 2014, Fomento remitiu ao IGVS un novo criterio interpretativo referido á renovación das subsidiacións destes préstamos.
Nese mesmo mes de agosto de 2014 o Instituto Galego da Vivenda e Solo comezou a revisión de todas as resolucións denegatorias: concretamente 1.785 resolucións. As novas resolucións foron remitidas aos interesados conforme se foron ditando e hai meses que as comunicacións están xa en mans destes.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta