Rajoy: " A desigualdade de xénero é unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais"

Sen dúbida hoxe vivimos un acontecemento internacional de gran importancia para España: a presidencia do Consello de Seguridade de Nacións Unidas por parte de Mariano Rajoy.

Fíxoo no marco da sesión aberta "Muller, Paz e Seguridade"  na que destacou que unha das principais conclusións do debate é que "a desigualdade de xénero é unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais". E ademais "unha inxustiza, unha inmoralidade e un lastre para o progreso da humanidade".

Subliñou a resolución adoptada é o resultado dun esforzo colectivo dos Estados membros, do sistema de Nacións Unidas e da sociedade civil, e senta "unhas bases renovadas, sólidas e ambiciosas para os próximos 15 anos na axenda 'Mulleres, paz e seguridade'".

A resolución 2242, segundo concretou, ten un dobre obxectivo: reforzar a protección das mulleres e as nenas nos conflitos armados e incrementar a súa participación plena e activa na prevención dos conflitos e na consolidación da paz. "Non debemos escatimar ningún esforzo para loitar contra a violencia sexual que se usa como arma de guerra e de terror, moitas veces nun conflito é máis perigoso ser muller que soldado", dixo.

Mariano Rajoy engadiu que as mulleres son clave na preservación e a construción da paz, e as súas achegas son imprescindibles fronte ao despropósito dos conflitos.

O presidente afirmou que España ten un compromiso integral coa igualdade entre mulleres e homes. Neste sentido, referiuse á aprobación entre outros, do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades e da Estratexia Nacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller. Ademais, en aplicación da resolución 1325 da ONU, conta cun Plan Nacional de Acción, está a potenciar un enfoque de xénero nas misións de paz, e a cooperación española mantén unha relación estratéxica con ONU Mulleres e co Fondo de Poboación das Nacións Unidas (FNUAP).

Así mesmo, para mellorar a protección da muller, Mariano Rajoy  anunciou que España realizará en 2016 unha contribución dun millón de euros ao novo Instrumento de Aceleración Global e ao Fondo Multiagencias contra a violencia sexual en conflitos.

O presidente tamén se comprometeu a aplicar de forma estrita a política de tolerancia cero en relación con acusacións de violencia sexual que afecten a membros civís e militares españois en misións no exterior.

Outros compromisos son profundar na formación en materia de xénero dos membros das Forzas Armadas e Corpos de Seguridade do Estado e impulsar a participación de mulleres militares en operacións de paz e nos equipos de mediación.

O presidente tamén destacou que a resolución aprobada por unanimidade dos 15 membros do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, foi patrocinada por 70 países e máis de 100 países mostraron o seu interese polo tema. Así mesmo, reiterou que a resolución consolida os avances alcanzados nos últimos anos e dá resposta ás carencias existentes.

O xefe do Executivo engadiu que a aprobación deste texto é "un dato moi positivo para garantir a igualdade de xénero", e para ir dando pasos cara a "un mundo máis civilizado, máis xusto, máis razoable e máis respectuoso cos dereitos de todas as persoas, fundamentalmente das mulleres e das nenas".

Na súa condición de presidente do Consello de Seguridade de Nacións Unidas, Mariano Rajoy iniciou a sesión condenado con firmeza os atentados perpetrados o fin de semana pasado en Turquía, Chad e Camerún. Así mesmo, trasladou as súas condolencias ás familias dos falecidos e aos feridos e a solidariedade do Goberno español con estes países.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.