martes, 20 de octubre de 2015

Na posta en servizo da Autovía A-54, do tramo entre Palas de Rei e Guntín


Asisto hoxe ao acto de posta en servizo da Autovía A-54, do tramo entre Palas de Rei e Guntín, coa presencia do presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, a ministra de Fomento, Ana Pastor, e o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, ademáis de moitas autoridades e invitados.

Na súa intervención o presidente da Xunta, puxo en valor o compromiso do Goberno central con Galicia, que se reflicte na consecución da A-54, unha infraestrutura “fundamental para a vertebración do interior da Comunidade”.

Lembrou que Lugo era unha das poucas cidades que non tiña nexo a Santiago por autovía, o que supoñía non ter acceso ao Eixo Atlántico. Neste senso, a A-54 non só permite vertebrar o interior conectando Lugo con Santiago senón que permite conectar a cidade da muralla co Eixo.
Como engadiu Feijóo, os 15 quilómetros que se puxeron en servizo hoxe entre Palas e Guntín súmanse aos tramos que se abriron no mes de marzo, así como ao recente tramo que a ministra de Fomento abriu no enlace de Vilamoure hai unhas semanas.
Así mesmo, o presidente da Xunta subliñou que percorrer a distancia que separa Santiago e Lugo a través dunha autovía libre de peaxe, “unha autovía do século XXI”, é gañar en seguridade, en prestacións e na competitividade da economía de todos os concellos e do interior de Galicia.
Por outra banda, Feijóo puxo en valor que o Goberno saque adiante infraestruturas como esta en plena recesión económica. “Nunca tanto se fixo nunha época tan mala como a que estivemos vivindo desde o ano 2011 ao ano 2014”.
Neste senso, Feijóo aproveitou tamén para destacar a Autovía do Cantábrico e recordou que Galicia contaba con dúas autovías que a conectan coa Meseta, pero non tiña ningunha autovía que a conectase coas cidades de Oviedo, Xixón, Santander e as cidades vascas ata o sur de Francia.
Aproveitou para agradecerlle ao titular do Goberno central o seu compromiso con Galicia. Neste senso, puxo en valor que nos últimos anos a Comunidade estivese nos primeiros lugares de investimento no que atinxe aos Orzamentos Xerais do Estado, superando os fondos destinados a Galicia entre o 12 e o 13% do total das contas estatais.
“Dedicar a Galicia este investimento é cumprir coa palabra dada e cos principios básicos de equidade e de xustiza”, engadiu Feijóo.
Nesta liña, o responsable autonómico subliñou os investimentos destinados ás infraestruturas galegas, destacando os 3.000 millóns de euros consignados para o AVE a Galicia, “para o AVE ao Noroeste”; os 850 millóns de euros consignados para finalizar o Eixo Atlántico; e os 1.200 millóns de euros consignados na Comunidade para as autovías.
En total, “son máis de 5.000 millóns de euros en infraestruturas nestes últimos anos”, destacou o presidente da Xunta, “sen contar as infraestruturas que o Ministerio de Fomento protagonizou nos aeroportos e nos portos galegos”.
Como sinalou, “ben vale a pena agradecer cando un Goberno cumpre e este Goberno, a pesar das dificultades, cumpriu”, subliñou Feijóo.
Pechou o acto o  xefe do Executivo sinalando que as infraestruturas non só "fan a vida máis cómoda" ás persoas e son boas para o seu benestar e o seu futuro, senón que tamén "son obras moi importantes desde o punto de vista do crecemento económico e o emprego".

Mariano Rajoy afirmou que o obxectivo de calquera goberno "que se prece de selo" debe ser o crecemento e o emprego e, sen dúbida, dispoñer dunhas boas infraestruturas para a mellora de "a competitividade das economías".

Ademais sostivo que España é un país que ten "infraestruturas importantes", aínda que "debemos seguir mellorando no futuro", tanto neste como noutros aspectos, como a educación ou a sanidade.

O presidente do Goberno asegurou que "é moi fácil prometer infraestruturas, pero facelas é un pouco máis complicado". Engadiu que, no últimos catro anos, investíronse 229 millóns de euros na autovía A-54 (entre Lugo e Santiago), dos cales 101 foron para o tramo que entrou hoxe en servizo entre Guntín e Palas de Rei.

Ademais, xa se orzaron 60 millóns de euros máis para terminar os últimos tramos da A-54 porque esta é unha "vía que está chamada a converterse nun eixo fundamental para a vertebración da Galicia interior e as súas conexións coa A-6". Segundo Rajoy, todo isto demostra que "estamos aquí con feitos e non con promesas e o importante é que no futuro podamos tamén continuar con feitos e non con promesas".

Neste sentido, Rajoy lembrou os investimentos que se fixeron en Galicia nesta lexislatura: 1.238 millóns de euros en estradas e máis de 3.000 millóns de euros en liñas de ferrocarril.

Con todo, aínda "queda moito por facer", dixo, polo que o Goberno ten previstas novos investimentos para os próximos anos; entre outras, a interconexión entre a A-54 e a N-540; a A-56 entre Lugo e Ourense, e a Autovía da Mariña, entre Barreiros e San Cibrao.

Para finalizar, Mariano Rajoy puxo en valor os esforzos que realizaron todos os españois nos últimos anos, uns esforzos que non sempre resultan fáciles de explicar, pero que si "producen resultados": tras superar "unha etapa complicada", agora España é o país que máis crece a Unión Europea e que máis emprego crea.