Hoxe comparecin na
sede do PP de Ourense nunha rolda de prensa presidida polo secretario xeral,
Rosendo Fernández e acompañado pola deputada Ana Belén Vázquez, os senadores
Carmen Leyte, Juan Manuel Jiménez e Francisco José Fernández
Trtátabase de facer
balance da X Lexislatura, especialmente en materia de emprego, xusto no día en que Mariano Rajoy asinou o Decreto de
disolución das Cortes Xerais.
Ao remate desta rolda
de prensa distribuímos unha nota de prensa que literalmente dí:
“O primeiro obxectivo
do PP é estar ao carón dos cidadáns que aínda non teñen emprego”
Celso Delgado
defendeu que as reformas impulsadas polo goberno do Partido Popular foron o
fundamento da recuperación, permitindo que na provincia de Ourense se pasara dos
28.217 parados rexistrados en decembro de 2011, último mes da lexislatura de
Zapatero, aos 23.506 desempregados no pasado mes de setembro. É dicir, máis de
4.711 ourensáns atoparon traballo durante a presente lexislatura, a décima que
hoxe chega ao seu fin..
Os resultados destas
reformas, engadiu o deputado, tamén se observan nos datos da EPA, que reflicten
nestes catro anos un descenso na taxa do paro de máis de tres puntos, pasando
do 21,52 % no terceiro trimestre de 2011 ao 18,10 % actual.
A EPA tamén deixa ver
como só no último ano hai 2.300 novos ocupados; 2.800 parados menos; e 1.400 desempregados menos de entre 16 e 29
anos.
Estes datos son, para
Celso Delgado, o indiscutible exemplo de que “o PP propiciou unha nova etapa no país, con menos parados
que hai un ano e máis emprego”, sinalando que agora este novo ciclo “require
que a recuperación sexa para todos, empezando por quen máis o precisa”.
O deputado popular
ourensán engadiu que estas cifras permiten render contas no remate dunha lexislatura
que partira dun lamentable escenario, froito das políticas económicas e de
emprego do goberno socialista que destruíron 177.000 empresas e provocaron que
máis de 3,5 millóns de españoles perderan o seu emprego, pasando de 1,7 millóns
de desempregados no segundo trimestre de 2007 (datos da EPA) a preto de 5,3
millóns a finais de 2011. A consecuencia foi que entre 2008 e 2011 se produciu
o maior aumento de desigualdade e pobreza nun país de toda a OCDE.
Ante tal panorama,
lembrou Celso Delgado, “o PP tivo que traballar a reo para deter a sangría do
paro, estimular o crecemento e acelerar o regreso á creación de emprego”. E de
seguido puxo un cualificativo a cada un destes catro anos:
- 2012, a contención da crise, para evitar o rescate, poñendo en marcha numerosas reformas,
saneando o sistema financeiro e recuperando a confianza na nosa economía.
- 2013, as grandes reformas
estruturais, para recuperar a competitividade da economía e
sentar unhas bases sólidas para crecer. No primeiro trimestre a destrución
de emprego chegou a un punto de inflexión: o paro marcou un máximo en 6,2
millóns de parados - case un millón máis que ao comezo da lexislatura-,
pero desde ese momento foise reducindo trimestre a trimestre.
- 2014, a etapa da recuperación, na que se conseguíu acabar con 5 anos de caída da economía, pechando
o ano cun crecemento do PIB do 1,4 %, que se trasladou rapidamente ao
mercado laboral con máis de 400.000 novos empregos e preto de medio millón
de parados menos. Sen dúbida, afirmou o deputado, a reforma laboral, as
medidas activas de emprego, a tarifa plana á Seguridade Social, o apoio ao
emprego xuvenil e de fomento do emprendimento estaban, por fin, dando os
seus froitos.
- 2015, o ciclo do crecemento, no que se dan as condicións necesarias para devolver o esforzo feito durante estes anos a todos os cidadáns. Como por exemplo, dixo, a reforma do IRPF en Ourense “que suporá unha inxección neste ano e no próximo de 43 millóns de euros para os seus 145.982 declarantes e devolverá ao peto dos ourensáns 297 euros de media”.
Fronte aos que queren
destruír os logros conseguidos, engadiu o deputado, “o 2016 ten que ser o ano da
consolidación, tanto do crecemento como da creación de emprego. Só así
poderemos cumprir o obxectivo de volver ter 20 millóns de españois traballando
ao final da próxima lexislatura”. Por esta razón, advertiu, “reverter as
reformas e desfacer o camiño andado supoñen os principais riscos para a
economía e todos os esforzos feitos ata agora serían en balde”.
Investimentos
No balance da lexislatura
tamén houbo referencias para o investimento realizado polo Estado nestes catro
anos. Celso Delgado lembrou que Ourense estivo entre as primeiras provincias de
España por investimento, de modo especial polas obras de alta velocidade,
destacando os 2,3 millóns de euros para o tramo Lubián-Ourense.
Os orzamentos do
Estado dedicados á provincia de Ourense nesta lexislatura (2.562,90 millóns de
euros) supuxeron o 44,54 % do total consignado para Galicia (5.753,21 millóns)
e, ademais, os orzamentos destinados a Ourense superaron en 1.119,30 millóns de
euros aos do periodo 2008-2011(1.443,60 millóns), é dicir, un 77,53 % máis.
Nesta lexislatura, apuntou
Celso Delgado, Galicia estivo entre os primeiros lugares de investimento nos orzamentos
estatais, entre o 12 % e o 13 % do total rexionalizado. Hai que recoñecer e por
en valor, dixo, os investimentos destinados ás infraestruturas galegas por
parte do Ministerio de Fomento que lidera Ana Pastor, destacando os 3.000
millóns de euros consignados para o AVE a Galicia, os 850 millóns de euros para
a finalización do Eixo Atlántico e os 1.200 millóns para as autovías na
comunidade.
Lexislatura difícil e de transformación
Tamén tomou a palabra
a senadora Carten Leyte, que cualificou esta lexislatura “como a máis complicada
da democracia, no peor momento económico, pero ilusionante polo que tivo de
transformadora”. O PP afrontou decisións moi difíciles,
recoñeceu, “algunhas en contra do seu propio programa electoral, pero ese era o
único camiño para evitar o rescate que suporía maiores penurias para os
cidadáns”, poñendo como exemplo o veciño Portugal.
A senadora repasou
rapidamente estes catro anos “de enorme actividade lexislativa”, con máis de
244 leis, citando reformas como a laboral e a das administracións públicas, o
plan de provedores e estabilidade financeira, o decreto de sanidade para defender
o sistema, as axudas a banca “que non rescate, para salvar os aforros dos
españoles”, ou a loita contra a corrupción co programa de rexeneración
democrática.
No Senado, engadiu,
enmendáronse o 65 % das leis aprobadas e polo que respecta a Ourense destacou
iniciativas como a promoción do rural ourensán, a través de mocións que tiñan
como fin a incorporación dos mozos e da muller a estas zonas, pero baixo a
premisa dun rural moderno, onde se impulse a innovación e a transformación da
produción."
Finalizada esta rolda de prensa, acudin aos estudios de Radio Líder para ser entrevistado tamén sobre o mesmo tema.
Este é un enlace de acceso á grabación feita por Telemiño da rolda de prensa.
https://www.youtube.com/watch?v=bbl2KEBl1OE
Este é un enlace de acceso á grabación feita por Telemiño da rolda de prensa.
https://www.youtube.com/watch?v=bbl2KEBl1OE
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta