Celebrouse esta mañá no colexio de Os Milagres a quinta Convención de Cargos Públicos do Partido Popular de Ourense coa asistencia de máis de 200 representantes municipais e militantes.
Deu a benvida o presidente do PP de Baños de Molgas, Eladio Mangana, subliñando a importancia que Os Milagres ten na historia política de Ourense.
A convención comezou coa presentación de catro relatorios sobre igualdade, a innovación o rural, mocidade e o balance da Lexislatura nacional.
Ana Villarino, alcaldesa de oímbra e deputada provincial, puxo de manifesto que no ámbito da política “como en moitos outros, a igualdade real entre homes e mulleres é unha meta lonxe de alcanzar”. Preguntouse como é posible que a porcentaxe de alcaldesas de Galicia só alcance o 12,1 % e pediu ás empresas e administracións públicas a súa implicación para que as mulleres “sexamos máis visibles en todos os ámbitos”. Expuxo así algunhas propostas como impulsar accións de sensibilización e información, promover servizos de atención e coidado de menores e persoas dependentes e medidas de racionalización e flexibilización de horarios en servizos e centros de traballo.
Rubén Quintas, alcalde de Maceda, falou sobre a innovación no rural, onde as súas xentes, dixo, non teñen plans de vida, preferencias ou expectativas diferentes ás que viven nas cidades. Apostou por concellos máis grandes e fortes, pola prestación de servizos de calidade e enumerou ata unha ducia de medidas necesarias para o desenvolvemento do rural. Rubén Quintas engadiu que “se queremos que o rural galego teña futuro é preciso que o campo non sexa visto como un espazo illado, que non ten que ser sinónimo de vivir e traballar en inferioridade de condicións e que os seus habitantes deben ter as mesmas prestacións que o resto da cidadanía”.
Logo foi o momento da miña intervención facendo balance dos catro anos de actividade no Congreso, destacando que “sentamos as bases para un crecemento sostido e un benestar sustentable, sendo hoxe o país que máis crece entre as grandes economías da zona euro. O que ninguén se esperaba fai tres anos”. Os españois “asumimos sacrificios que eran inevitables e agora é importante seguir co rumbo emprendido para manter as taxas de recuperación”, argumentei , alertando sobre o risco que supón desfacer o camiño andado. Se na lexislatura que está a piques de finalizar realizáronse reformas de gran calado como a laboral, a orzamentaria, a do sistema financeiro, enerxética ou das pensións, “crear postos de traballo e de máis calidade será o obxectivo da próxima”.
A presidenta de Novas Xeracións do PP ourensán e nova parlamentaria autonómica, Jackeline Fernández, animou pola súa banda aos mozos para participar na sociedade dunha maneira activa, “involucrándose de cheo no traballo para mover tanto a España, como a Galicia e a Ourense”. Asegurou que os mozos son conscientes hoxe da importancia de participar na vida política “e axudar a achegar solucións reais a través de propostas efectivas”.
O presidente do PP ourensán, Manuel Baltar proclamou durante a súa intervención que o partido “sempre está en movemento, ao contrario que outras forzas políticas e ese é o noso gran segredo: ser políticos as 24 horas do día, facendo a cousas sen estridencia, xestionando os recursos públicos e pensando en clave de futuro”. E todas esas características, engadiu, “reúneas á perfección o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez”.
Repasou algúns dos datos máis destacados da representación obtida tras as eleccións locais, como o feito de ser a terceira provincia de España en apoio electoral ao partido, os 75 concellos nos que goberna e as 61 maiorías absolutas, subliñando que de cada 10 concellos ourensáns 7 están gobernados polo PP. “E por suposto tamén a Deputación, a primeira institución pública de España en aprobar os seus orzamentos para o 2016”.
En clave de partido destacou a gran actividade órganica, coa celebración de 18 xuntas directivas, 72 congresos locais e as achegas de Ana Villarino e Jesús Vázquez no relatorio político do PPdeG.
Agora, apuntou Manuel Baltar, chegan unhas eleccións importantísimas nas que o obxectivo será revalidar o anterior resultado das xerais, con tres dos catro deputados e senadores en liza e seguir sendo a primeira provincia de Galicia en apoio ao PP e entre as mellores de España.
Cunha mención específica a Mariano Rajoy como o candidato do partido á presidencia do Goberno, Baltar indicou que hai que manter o pulso, interpretar as inquedanzas e ilusións dos veciños e apostar por reducir as cifras de desemprego e aumentar o benestar, “e Ourense son 92 realidades que conforman unha, por iso temos que afanarnos en interpretar o que queren os nosos veciños para os próximos anos”.
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, encargado de clausurar a convención de cargos públicos populares, iniciou a súa intervención manifestando que se abre un novo período que é preciso afrontar con forzas renovadas, conscientes das dificultades e preparados para superalas.
O PP, a diferenza doutros que tentaron ocultar a crise, foi quen de sortear os problemas e buscar solucións, “aínda que sabemos que o que fixemos foi fundamental pero non foi suficiente”. O partido, dixo, “non se para nin aínda cando non conseguimos os resultados que buscabamos e tampouco nos durmimos nos loureiros cando tivemos uns resultados máximos nos concellos”.
Núñez Feijoo fixo referencia ás próximas citas electorais, a de mañá domingo en Cataluña e as xerais de decembro. Nesta liña sinalou que “o PP aposta pola igualdade, o consenso e a convivencia, capaces de dicir o mesmo en calquera lugar de España, que necesita un partido que teña un proxecto nacional, común para 47 millóns de cidadáns. E o luns seguiremos dicindo o mesmo, gobernando en España e construíndo país”.
Concretando nos comicios xerais e no apoio a Mariano Rajoy, “que ademais de por galego, porque foi capaz de dar a volta aos indicadores económicos que deixou o partido socialista”, engadiu que o PP defende proxectos sólidos, cunha idea de país común, para todos”. “Necesitamos a implicación de todos”, reclamou o presidente do PP galego,”e somos o primeiro partido de Ourense, de Galicia e de España porque a nosa prioridade é a xente”.
Alberto Núñez lembrou aos presentes que non poderán gobernar se non gañan nas urnas, “lonxe doutras formacións onde o oportunismo é a súa folla de ruta e que caducan rápidamente”. Ao fío desta cuestión citou o “despropósito da Deputación de Lugo, un pacto da vergoña con intereses personalistas, partidistas e escuros, cunha moción de censura sen razóns antes dos cen días de goberno”.
O presidente do PPdeG, quen tamén recoñeceu o labor do alcalde de Ourense, animou a todos a seguir priorizando o seu traballo nos seus veciños, “que é a nosa obrigación e o noso compromiso.
http://www.crtvg.es/informativos/feijoo-non-hai-razons-para-mocion-so-intereses-partidistas-1466577
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta