Esta tarde compareceu ante a Comisión de
Presupostos a secretaria de Estado de Presupostos e Gastos, a galega Marta Fernández Currás, destacando que o 53,5% dos Presupostos Xerais do
Estado para 2016 servirá para sufragar partidas directas de gasto social, ao
que habería que engadir o que se destina para o gasto doutras Administracións.
Dirixido principalmente para que tanto Comunidades Autónomas coma Entidades Locais poidan financiar a maior parte das súas necesidades en sanidade, educación e servizos sociais. De aí que sumando estes gastos sociais indirectos, a partida total ascendería ao 70,8% do PGE.
Reiterou que os obxectivos destes Presupostos son exactamente os mesmos que inspiraron os catro anteriores da lexislatura: crecemento económico, creación de emprego e que os efectos da recuperación económica que se foi conseguindo nestes anos chegue cada vez a un maior número de fogares.
Os PGE 2016 -apuntou- construíronse xa sobre a base dunhas políticas estruturais e uns resultados que devolveron a confianza perdida dos axentes económicos e da UE no noso país e iso coa seriedade no cumprimento dos nosos compromisos, "o que está a resultar esencial para conseguir os obxectivos principais".
Por iso -dixo- a razón de que o Goberno
anticipase en dous meses a súa presentación -tendo en conta o proceso electoral
que se aveciña- é continuar afondando no crecemento económico e creación de
emprego. Neste sentido, considerou que nun momento de certa convulsión en
materia económica na Unión Europea, se fai necesario trasladar a mensaxe de que
España é fiable, crible e estable na súa tendencia de progreso, de transmitir
aos cidadáns españois, ás empresas, aos analistas e investidores
internacionais, a certeza de que a recuperación económica vai seguir e que o
emprego, sobre todo, vai ir en aumento. "A economía española non pode
permitirse o luxo de irse de vacacións", subliñou.
Apuntou pola súa relevancia o feito de que agora o ritmo de crecemento do emprego e da actividade económica vaian en paralelo, algo que non acontecera nunca na historia do noso país. "Chegar ata aquí requiriu esforzos e sacrificios que agora están a obter a súa recompensa. A mellora da situación económica pon de manifesto que a política económica desenvolvida dende o principio da lexislatura foi a correcta". Unha saída da crise e unha recuperación -engadiu- que se fixo conservando a soberanía como país, sen imposicións de políticas nin de reformas. "Fomos nós os que eliximos levar a cabo unha política equilibrada que non puxo nunca en risco o gasto social nin estrangulou o crecemento e a creación de emprego, senón todo o contrario"
Entre as súas novidades, culmínase a reforma
tributaria -unha vez adiantada a rebaixa do IRPF ao mes
de xullo- incorporando a segunda fase de rebaixa do Imposto de Sociedades, que
permitirá baixar o tipo ao 25%. Así mesmo, devolve o esforzo que nos primeiros
anos de lexislatura foi necesario acometer (considera unha suba salarial do 1%
aos empregados públicos, devolución do 50% da paga extra, taxa de reposición do
100% para sectores prioritarios, entre outros).