España recibiu 29,2 millóns de turistas internacionais no primeiro semestre do ano

Hoxe difundiuse a enquisa Frontur - Movementos Turísticos en Fronteira, que elabora a Subdirección Xeral de Coñecemento e Estudos Turísticos do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
E así coñecemos que no primeiro semestre do ano, España recibiu 29,2 millóns de turistas internacionais, un 4,2% máis que no mesmo período do ano anterior o que supón superar a mellor cifra da serie histórica. Significa a chegada de 1,2 millóns de turistas adicionais respecto aos primeiros seis meses do ano de 2014.
O Reino Unido figurou unha vez máis como primeiro emisor do período, con 6.708.061 turistas, un 2,6% máis, seguido de Alemaña, con 4.732.869 turistas, un 1,6% máis, e de Francia, con 4.553.942 turistas e un 7,5% máis.
Destacaron por experimentar as maiores subas do semestre, Estados Unidos, cun 15,7% máis; Suíza, cun 9,7%; Bélxica, cun 7,8%; Irlanda, cun 7,4% e Italia, cun 7,3% máis.
Neste período, Cataluña foi a comunidade que máis turistas internacionais recibiu, 7,4 millóns, seguida de Canarias, con 5,6 millóns e de Baleares, con 4,4 millóns de turistas internacionais.
Por vía aérea accederon no semestre 24.056.423 turistas, o 82,4% do total, vía que experimentou unha suba do 3,8%. O acceso por estrada subiu un 6,2%.
Os aloxamentos hoteleiros significaron o 65,1% do total do semestre, con 18.991.706 turistas e unha suba do 2%. Un 34,9% escolleron aloxamentos non hoteleiros, é dicir 10.201.495 turistas; mentres que un 19,3% se aloxaron en vivenda propia e de familiares ou amigos, un 9,9% en vivenda alugada e un 5,8% noutros aloxamentos.

A organización da viaxe sen paquete turístico supuxo no semestre o 70,7% do total, cunha suba do 7,8%, é dicir foi a opción de 20.628.936 turistas, mentres que os que viaxaron con paquete turístico significaron o 29,3% do total e diminuíron un 3,4%.

Galicia recibiu máis de 450 mil turistas estranxeiros -453.151-, cifra que supón un máximo histórico na Comunidade e supera nun 12,6 % a cifra do mesmo período do pasado ano 2014.

Segundo FRONTUR, Portugal, co 50,6 % dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste primeiro semestre do ano. Ao mercado portugués, séguenlle en orde de importancia Francia, co 13,6 %, e Reino Unido, co 8,8 % neste caso.
A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo acadándose os 29,2 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,2%, máis de oito puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa Comunidade.
En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 1.650.370 excursionistas estranxeiros nos seis primeiros meses do ano. Portugal foi tamén o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 90% das entradas dun só día na nosa Comunidade.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.